César Fernández invita aos enólogos que participan en VinEspaña “a ser embaixadores dun dos nosos recursos máis sobresaíntes”

Cesar Fernandez Jose Manuel Rodriguez Luis Buitron e Gabriel Alen web

Inauguracion de VinEspana web

O vicepresidente segundo da Deputación subliñou que o goberno provincial non podía faltar a este certame, "pois non dubidámos que actividades deste tipo nos permiten posicionar e dar a coñecer Ourense e a súa provincia en toda España"

No balneario de Laias, medio cento de profesionais participan ata o sábado no cuarto concurso organizado pola Federación Española de Asociacións de Enoloxía, onde se premiarán aos mellores viños en dez categorías

Ourense, 28 de abril de 2022.- O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participou esta mañá na inauguración da cuarta edición do concurso VinEspaña, no que medio cento de enólogos nacionais e internacionais avaliarán desde hoxe e ata o sábado os viños das adegas que opten aos premios establecidos en dez categorías. No balneario de Laias, onde se celebra o concurso, César Fernández puxo en valor unha provincia "que se caracteriza por posuír un rico e variado potencial", invitando aos participantes "a ser embaixadores e prescriptores dun dos nosos sobresaíntes recursos", en referencia ao viño. Na presentación do acto, César Fernández estivo acompañado polo presidente da Federación Española de Asociaciones de Enólogos, Luis Buitrón; o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén e o alcalde de Cenlle, José Manuel Rodríguez.

A pouco que se profunde neste patrimonio, engadiu o vicepresidente segundo da Deputación, "coñeceredes o viño como o elemento que nos fala sobre a terra na que se cultiva, o clima da zona, o traballo e maila relación das persoas co campo". Unha valiosa fonte de información "que ninguén mellor que vós pode trasladar".

A Deputación de Ourense non podía faltar nesta iniciativa "desde o primeiro momento no que se formulou esta colaboración", dixo Fernández, pois o goberno provincial non dubida que actividades deste tipo "nos permiten posicionar e dar a coñecer Ourense e a súa provincia en toda España". Nesta liña, invitou aos enólogos a visitar a Feira do Viño do Ribeiro, que tamén se celebra esta fin de semana, así como tamén a vila de Ribadavia e a comarca.

A Federación Española de Asociacións de Enoloxía, organizadora de VinEspaña, elixiu Ourense como escenario da cuarta edición do concurso polo feito de que a provincia posúa catro das cinco denominacións de orixe de Galicia. Ao mesmo tempo, un dos obxectivos deste ano foi compaxinar viño e termalismo, de aí a elección do balneario de Laias, no corazón do Ribeiro, para celebrar un certame que inclúe una reunión do Comex, a xunta directiva da Unión Internacional de Enólogos, organismo que representa a profesionais de 16 países de tres continentes.

Calidade do produto e traballo dos enólogos

O concurso premiará aos mellores viños en dez categorías: espumosos, de agulla, brancos, rosados e tintos tranquilos, viños de uvas sobremaduras, uvas pasificadas, de licor, ecolóxicos e de variedades minoritarias, outorgándose os premios tanto á calidade do produto como ao traballo dos enólogos que o elaboran. O xurado está constituído por un panel de cata de expertos entre os que figuran enólogos de relevancia, xornalistas especializados e outros profesionais cualificados da cadea do viño.