O taller de instrumentos da Deputación mostra na exposición “Os son da pedra” a reprodución de cinco instrumentos do Pórtico do Paraíso

Sons de Pedra 1

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022.- A deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, Patricia Torres, participou na inauguración da exposición "Os sons da Pedra" que ata o 28 de maio poderá verse no Salón Artesoado do Pazo de Fonseca en Santiago de Compostela. Unha mostra na que colabora a Deputación de Ourense coa reprodución de cinco instrumentos do Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense, realizados polo taller de instrumentos da Deputación, cuxo director, Manuel Brañas, tamén estivo presente no acto.

Patricia Torres destacou "o fantástico labor de reprodución dos instrumentos do Pórtico do Paraíso, pasando de ser elementos en pedra e estáticos a pezas de madeira e con vida, que soan e nos regalan a música daquel momento".

Ademais dos instrumentos, o taller da Deputación tamén achega diverso material a esta exposición, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela e o grupo Organistrum e na que tamén se pode a observar a recreación de instrumentos do Pórtico da Gloria da catedral santiaguesa.