Rosendo Fernández destaca na presentación de Funergal “o alto grao de especialización dun evento que reúne negocio, competitividade e formación”

Presentacion Funergal 2022

O vicepresidente provincial felicitou a Expourense polo regreso do "único encontro internacional do sector que se organiza este ano na península ibérica"

Destacou que durante a pandemia "o sector demostrou unha enorme capacitación, froito da preparación e formación" que se potenciará coa celebración do 2º Congreso Internacional de Directivos Funerarios

A 11ª Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios, que conta co apoio da institución provincial, celebrarase en Expourense os días 19 e 20 de maio reunindo a 65 expositores de 8 países

Ourense, 16 de maio de 2022.- O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, participou esta mañá na presentación da 11ª Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios, Funergal, que co apoio da institución provincial celebrarase en Expourense os días 19 e 20 de maio reunindo a 65 expositores de 8 países. Un evento "cun alto grao de especialización", destacou Fernández na súa intervención, "que reúne nun mesmo encontro actividades tan importantes como o negocio, a competitividade e maila formación".

Rosendo Fernández estivo acompañado na presentación de Funergal por Manuel Pardo, xefe territorial de Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia en Ourense; Rubén Campo Fidalgo, presidente da Asociación Provincial de Empresas Funerarias de Ourense; José Luis Varela; vicepresidente da Asociación Galega de Empresas Funerarias; e Rogelio Martínez, director xerente de Expourense.

O vicepresidente provincial felicitou á dirección de Expourense polo regreso dun encontro que, no seu formato de feira, levaba sen celebrarse desde hai catro anos, xa que ao seu carácter bienal súmase a suspensión de 2020 pola pandemia, parabéns que estendeu ao feito de que se trata do "único encontro internacional do sector que se organiza este ano na península ibérica"

Durante a pandemia, dixo Rosendo Fernández, "o sector demostrou unha enorme capacitación que é froito da preparación, formación e especialización", aspectos que seguen a potenciarse coa celebración, coincidindo con Funergal, do 2º Congreso Internacional de Directivos Funerarios, coa participación de 22 relatores de España, Arxentina e México.