Ourense transfórmase en “protagonista de película” coa rodaxe dunha nova produción audiovisual patrocinada pola Deputación: "13 exorcismos"

Jacobo Sutil Manuel Baltar e Jacobo Martinez

Jacobo Sutil Silma Lopez Maria Romanillos e Manuel Baltar

Manuel Baltar visitou hoxe no CEIP de Prácticas a gravación desta nova produción audiovisual patrocinada pola Deputación, dirixida por Jacobo Martínez e protagonizada por José Sacristán e  Ruth Díaz. "Ninguén pode estrañarse xa por ver a equipos técnicos e artísticos traballando en Ourense ou en calquera punto do noso territorio nun cinema de alta velocidade"

O director mostrou o seu agradecemento á Deputación "por ofrecernos a cidade" para esta rodaxe, todo un descubrimento fronte a outras candidatas e onde atopamos numerosos lugares que reunían o que buscábamos"

A cinta narra o último caso de exorcismo documentado en España a través da historia dunha adolescente con estraños comportamentos, obrigando á familia a recorrer a un dos especialistas autorizados polo Vaticano

Ourense, 16 de maio de 2022.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou hoxe no CEIP de Prácticas da capital a rodaxe da película 13 exorcismos, unha nova produción audiovisual dirixida por Jacobo Martínez e protagonizada por José Sacristán e  Ruth Díaz e que conta co patrocinio da institución provincial. Acompañado polo director da cinta e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, que tamén apoia esta longametraxe, Manuel Baltar celebrou que con esta rodaxe "avancemos un paso máis nesa liña estratéxica marcada desde a Deputación para facer unha provincia de cine".

O presidente asegurou que esta aposta do goberno provincial "aumentará en intensidade nos próximos anos, unha aposta que será gañadora porque a cultura non ten inimigos". Para Manuel Baltar, "ninguén pode estrañarse xa por ver a equipos técnicos e artísticos traballando en Ourense ou en calquera punto do noso territorio nun cinema de alta velocidade".

"Somos herdeiros desa tradición que vencella a Ourense coas orixes do cinema en Galicia", destacou Baltar poñendo en valor a Fundación Carlos Velo, "a única entidade galega do audiovisual á que ademais temos encomendado desde a Deputación a xestión do festival de cine de Galicia, que é o de Ourense". O presidente da Deputación, que conversou na rodaxe coas actrices Cristina Castaño, Silma López e María Romanillos, lembrou que estes días coinciden en Ourense a rodaxe de tres filmes patrocinados pola Deputación: La manzana de oro, Honeymoon e 13 exorcismos.

Jacobo Martínez mostrou o seu agradecemento á Deputación "por ofrecernos a cidade" para esta rodaxe, todo un descubrimento fronte a outras candidatas e onde atopamos numerosos lugares que reunían o que buscábamos". Rúas, igrexas, o antigo hospital e o propio instituto "achegan un equilibrio moi importante a esta historia, ata o punto de transformar a Ourense nunha das protagonistas da película"

Entre tanto, Jacobo Sutil destacou o bo momento no que se atopa o sector en Galicia, sinalando que este proxecto tamén conta co apoio da Xunta de Galicia a través do "Hub audiovisual", onde as catro producións financiadas teñen un impacto económico na nosa comunidade que supera os 15 millóns de euros.

Producida por Bambú Producciones, Mr. Fields & Friends Cinema e Atresmedia, 13 exorcismos continuará durante alo menos dúas semanas máis a rodaxe de escenas en distintas localizacións da capital. A película narra o último caso de exorcismo documentado en España a través da historia dunha adolescente con estraños comportamentos. A súa familia, extremadamente católica, recorrerá a un dos especialistas autorizados polo Vaticano para intervir nos casos de posesión do diaño.