Todo preparado para a volta a Benposta do Ouren Sound Fest, festival apoiado pola Deputación

Presentacion do Ouren Sound Fest 2022

Jorge Villarino Gabriel Alen Ruben Alvarez Ruben Varela e Cesar Fernandez

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, aplaudiu na presentación o nivel da programación do festival e destacou o apoio do goberno provincial a "facer cultura", unha "función clave das administracións públicas e un gran dinamizador económico e social para Ourense"

No cartel deste fin de semana sobresae o protagonismo de artistas galegos como as Tanxugueiras, Xoel López, Sés ou Grande Amore

Benposta será durante todo o fin de semana un escenario ideal para estar con toda a familia, xa que os espazos foron deseñados para que os máis de 200 rapaces que xa están inscritos poidan gozar ao máximo dos concertos, nos máis de 63.000 metros cadrados que ocupa o recinto

Entre os tres días -o domingo celebrarase unha sesión vermú de balde- estímase a asistencia de máis de 9.000 persoas ao Ouren Sound Fest 2022

Ourense, 26 de maio de 2022.- Tras dous anos sen se poder celebrar o Ouren Sound Fest no seu formato completo, este festival regresa na súa VII edición cun cambio de nome -sucede ao OurenRock- e cunha maior cantidade de xéneros -no cartel aparecen Tanxugueiras, Xoel López, Sés ou Rayden-, pero mantendo o tradicional punto de encontro deste festival, Benposta. E en Benposta tivo lugar esta mañá o acto de presentación do festival, que conta co patrocinio da Deputación de Ourense, da man do vicepresidente segundo do goberno provincial, César Fernández; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o representante do Grupo La Región Jorge Villarino; e o director e o organizador do festival, Rubén Álvarez e Rubén Varela.

"Despois de dous anos é un pracer recuperar a completa celebración do festival" salientou o vicepresidente segundo da Deputación, que lembrou coma o OurenRock "estivo presente en formato reducido en Ribadavia (2020) e a Insua dos Poetas (2021)" como exemplos que destacan o compromiso do goberno provincial por facer cultura, "unha función importantísima das administracións públicas" e, ademais, un "gran dinamizador económico e social da provincia".

César Fernández avanzou que a Deputación seguirá colaborando con eventos deste tipo, "porque existe a firme convicción de que as actividades culturais e todo o que move o sector cultural é fundamental para o desenvolvemento do noso territorio. Non se podería entender que a Deputación non participase neste festival".

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, felicitou os organizadores polo cartel e destacou especialmente como "administracións e empresas privadas, a través da cooperación, facemos un Ourense mellor e permítenos seguir á cabeza do ámbito cultural, aproveitando o noso potencial".

Mentres, Jorge Villarino, o representante do grupo La Región, medio oficial do evento, cualificou o festival como "un referente para Galicia" e reafirmou o apoio "do grupo La Región-Telemiño á organización do Ouren Sound, que tamén serve para fomentar e favorecer a cultura galega".

O director do festival, Rubén Álvarez, salientou o apoio constante da Deputación, "que leva apoiando a iniciativa dende 2018, e iso non hai que deixar de destacalo" e considerou que o Ouren Sound 2022 "vai ser un éxito", estimando que o sábado 4.000 persoas daranse cita no recinto habilitado, mentres que en total durante o fin de semana achegaranse ata Benposta unhas 9.000 persoas.

Un festival multitudinario

O Ouren Sound Fest 2022 dará comezo mañá, venres 27 de maio, as 19,30 horas cun espectáculo de Hard GZ, rapeiro centrado na crítica social e continuas referencias a loita persoal e a vida na rúa. Despois da potente personalidade de Sés (21,20 horas) actuará Rayden (23,00 horas), participante na última edición do Benidorm Fest. Despois, Dakidarria (00,50 horas), Tandub (02,30 horas) e a Duendeneta (03,30 horas) -dj que tamén pechará a xornada do sábado-.

O sábado 28, o festival comezará as 18,00 horas cun obradoiro oleiro e un luthier, no que se aprenderá a dar mantemento a unha guitarra ou baixo. A música regresará ós escenarios as 18,15 horas cunha actuación a cargo de La Quinkillada. A música en galego continuará durante toda a xornada, con Grande Amore (19,35 horas), as Tanxugueiras (21,20 horas) e Xoel López (23,00 horas). Tamén estarán El Canijo de Jerez (01,00 horas) e Sexy Zebras (02,50 horas).

Como peche, o domingo 29 de maio celebrarase en Benposta unha sesión vermú de balde dende as 10,30 horas da mañá. Comezarán Las Cruzes & Chili Charles (11,00 horas), e seguirán Los Rastreadores (12,20 horas) e Mekanika Rolling Band (14,30 horas), recentemente gañadores do premio Cantalingua 2022.

Un recinto deseñado para toda a familia

O recinto de Benposta será durante todo o fin de semana un escenario ideal para estar con toda a familia, xa que os espazos foron deseñados para que os máis de 200 rapaces que están xa inscritos podan gozar ao máximo das actuacións nos máis de 63.000 metros cadrados que ocupa o recinto. Para a organización, isto supón unha garantía de que o Ouren Sound é interxeneracional e é "un orgullo para un festival que busca continuamente innovar e adaptarse".

Nos máis de 63.000 metros cadrados que hai dispoñibles estará habilitado un espazo para aqueles asistentes que desexen facer acampada, así coma un área para aparcar furgonetas. Para aqueles participantes que acudan ó festival en coche, a organización recomenda aparcar nas diferentes áreas habilitadas a tal efecto situadas no Pazo dos Deportes e Expourense, e posteriormente chegar ó recinto a través das liñas 14 e 33, ademais dun bus que partirá dende o parque de San Lázaro ata Benposta, facendo a mesma ruta ininterrompidamente ata o final do evento ás 5 da mañá. Unha vez no interior do recinto, poderase desfrutar, ademais da música en directo, dunha área con postos de restauración e puntos de recarga de dispositivos electrónicos.