A Deputación aposta polo apoio á creación literaria e a internacionalización da lingua galega coas bolsas para estadías no exterior de creadores ourensáns

Cesar Fernandez e Yolanda Castano 2

Estas bolsas, impulsadas pola Deputación xunto á Residencia Literaria 1863, están pensadas "para fomentar a experiencia literaria dos creadores ourensáns, vivindo unha experiencia plena de creatividade en residencias literarias de distintos países europeos", explica o vicepresidente segundo César Fernández

As bolsas presentadas esta mañá no Pazo Provincial buscan fomentar a creación literaria e o perfil internacional dos autores da provincia, facilitando a súa estadía no mes de agosto en espazos rurais de Polonia e Islandia, e en áreas urbanas de Croacia e Turquía. Tamén impúlsase unha quinta bolsa nunha residencia literaria de Almería, na segunda quincena de agosto

"O apoio á creatividade, a cultura, a defensa da nosa lingua e da nosa identidade é unha das liñas políticas fundamentais da institución provincial", salientou o vicepresidente segundo da Deputación

A directora da Residencia Literaria 1863, a poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, resaltou a aposta da Deputación de Ourense por "cambiar o paradigma, apoiando a creación literaria antes da publicación da obra, e non despois, como é habitual, facilitando o espazo, tempo e condicións" para os creadores ourensáns en lingua galega


Ourense, 30 de maio de 2022.- A Deputación de Ourense presentou esta mañá as bases das bolsas no exterior para escritores ourensáns impulsadas en colaboración coa Residencia Literaria 1863. Na presentación interviron o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, e a directora da Residencia Literaria 1863, a poeta e xestora cultural Yolanda Castaño.

Estas bolsas están pensadas "para autores nacidos en Ourense, ou que teñan residencia na provincia e que de algún xeito fomenten a súa experiencia literaria, vivindo unha experiencia plena de creatividade en diferentes residencias literarias de distintos países", explicou César Fernández. O vicepresidente segundo tamén salientou que outro dos obxectivos con esta iniciativa é "fomentar a actividade cultural dos autores ourensáns que realicen as súas obras en lingua galega".

"O apoio á creatividade, a cultura, a defensa da  nosa lingua e da nosa identidade é unha das liñas políticas fundamentais da institución provincial", reivindicou o vicepresidente segundo da Deputación, que aproveitou esta presentación para agradecer a Yolanda Castaño que decidise contar coa Deputación de Ourense para levar a cabo o proxecto.

Pola súa banda, Yolanda Castaño celebrou a iniciativa da Deputación de Ourense, realizando "un cambio de paradigma, realizando o apoio á creación literaria antes da publicación da obra, e non despois, coma é habitual, facilitando o espazo, tempo e condicións para que os autores ourensáns podan desenvolver a súa obra en condicións de excelencia en ámbitos inspiradores". Castaño tamén quixo subliñar a "internacionalización das letras" que está a realizar a institución da Deputación de Ourense.

Unhas bolsas para fomentar o crecemento persoal e a reflexión artística.

As bolsas presentadas esta mañá no Pazo Provincial buscan fomentar a creación literaria e o perfil internacional dos autores da provincia, facilitando a súa estadía durante todo o mes de agosto en espazos rurais do norte de Polonia -na Fundación czAR(T) Krzywogonca- e no suroeste de Islandia -Centro para a Creatividade Gullkistan-, e en áreas urbanas de Croacia -na Residencia Marko Marulic da Asociación Kurs, en Split- e Turquía -na Casa dos Escritores de Nilüfer-. Ademais, esta bolsa ofrece tamén a oportunidade, de desfrutar durante a segunda metade do mes de xullo dunha estadía de quince días na Fundación Valparaíso, nas afóras de Mojácar (Almería).

Estas bolsas, que serán coordinadas polo centro Residencia Literaria 1863, serán adxudicadas baixo o modelo de concorrencia competitiva a cinco creadores. As persoas interesadas en participar nesta axuda, deberán ser residentes ou haber nacido na provincia de Ourense, e achegar unha memoria do proxecto que se quere desenvolver, un currículo, unha mostra dos traballos anteriores, para que o xurado poda avaliar a calidade literaria e unha carta de motivación. O comité de avaliación reunirase a partir do 15 de xuño, data na que remata o prazo para solicitar a bolsa e a finais dese mes o comité de avaliación dará a coñecer o nome das persoas que recibiran a bolsa.

As bases xa están dispoñibles na web da Deputación de Ourense.