A Deputación colabora no XII Encontro Internacional de Poesía “Víctor Campio”

Jose Ramon Fernandez Morgade Maria Gonzalez Rosendo Fernandez Nadia Arce e Marcos Vila

Baixo o lema "Máis poesía e menos guerra!", este encontro organizado polo Círculo Poético Ourensán programará actividades culturais o 3, 4 e 5 de xuño, coa presenza de poetas mexicanos, portugueses e españois

O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, felicitou ao Círculo Poético pola súa actividade reivindicando a poesía e resaltou a importancia da "colaboración público-privada para acadar os obxectivos dun xeito máis sinxelo"

"Máis aló do económico, a Deputación está para axudarnos en calquera cousa que necesitamos", agradeceu o presidente do Círculo Poético Ourensán, José Ramón Fernández Morgade

Ourense, 31 de maio de 2022.- Coa participación de poetas de México, Portugal e España, regresa unha nova edición do Encontro Internacional de Poesía "Víctor Campio". O acto de presentación da duodécima edición deste encontro, que ten o lema "Máis poesía e menos guerras!", tivo lugar no Pazo Provincial e contou coa presencia do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; o presidente do Círculo Poético Ourensán, José Ramón Fernández Morgade; a secretaria do Círculo Poético Ourensán, María González; a poeta mexicana Nadia Arce -que participará nas xornadas-, e o xerente do Centro Comercial Ponte Vella, Marcos Vila.

Este encontro está organizado polo Círculo Poético Ourensán e conta coa colaboración da institución provincial. "Unha conxunción público-privada, facendo que os obxectivos sexan moito máis fáciles e poidan cumprirse de maneira moito máis eficiente", segundo palabras do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández. Destacou, así mesmo, que "todo o que ten que ver con poesía en Ourense, aí atópase presente o Círculo Poético Ourensán, celebrando xuntos estes 12 anos de poesía."

O Centro Comercial Ponte Vella agradeceu, en palabras de Marcos Vila, a oportunidade de aportar na medida do posible nestes encontros "para que cada ano vaia a máis, defendendo a cultura da "Atenas de Galicia". "En calquera tipo de iniciativa que promocione tanto a cultura como o deporte da cidade e a provincia", sinalou Vila, "para o centro comercial Ponte Vella é un orgullo e unha honra poder colaborar co Circulo Poético na realización destes encontros".

"Máis aló do económico, a Deputación está para axudarnos en calquera cousa que necesitamos, preparando xuntos os martes de cada mes os encontros poéticos" destacou o presidente da Asociación Cultural Círculo Poético Ourensán, José Ramón Fernández Morgade. Os escolares terán un gran protagonismo durante as xornadas polo que "Dende o Círculo Poético quixemos que o primeiro acto destes encontros sexa que os poetas visiten os centros escolares para que estean cos rapaces e rapazas de Ourense e que os poetas coñezan a nosa cidade para facer ourensanía e que nos visiten nun futuro de novo".

A secretaria do Círculo Poético, manifestou o seu orgullo pola realización deste encontro adicado a un "gran poeta, e que foi importante para esta cidade", e que permite ademais "achegar a poesía a todos os que se achegan a nos, en especial os rapaces e rapazas, que son un elemento moi importante para nós".

No acto interveu tamén Nadia Arce, unha das participantes destes encontros poéticos, que visitou nestes días por primeira vez a cidade e provincia de Ourense, mostrándose conmovida polo cariño recibido: "Cada día é máxico, nunha cultura que me encanta". Arce destacou a receptividade dos escolares cos que xa mantivo un encontro literario: "Foi entrañable, cun entusiasmo que realmente me emocionou".

Un fin de semana cunha completa programación cultural

Estas xornadas, que terán lugar dos días 3 a 5 de xuño, contarán coa presencia dos poetas Nadia Arce -México-, Antonio Luis Oliveira e Rosa Oliveira -Portugal-, Patricia Cortés -Málaga- e autores pertencentes o Círculo Poético Ourensán.

Os rapaces e rapazas serán os grandes protagonistas da primeira xornada, xa que o 3 de xuño os poetas achegaranse a varios centros escolares da cidade para recitar con eles poesía e realizar un debate. Esa mesma tarde, a explanada do centro comercial Ponte Vella acollerá un espectáculo de poesía cun acompañamento musical a cargo do grupo ourensán La Dama de Gris.

O sábado día 4 de xuño, a poesía será a protagonista do centro da cidade, xa que dende as 11.30 horas os diversos poetas participantes percorrerán o centro da capital provincial e deteranse nos lugares máis emblemáticos do casco histórico da mesma para achegar a poesía a toda a poboación ourensá. Pola tarde, a partir das 19.00 horas, no Restaurante Coto, os alumnos e alumnas gañadores do concurso de poesía para escolares de primaria e ESO da cidade de Ourense participarán nuns intercambios poéticos cós participantes do encontro a través de diversas mesas de lectura.

E o domingo 5, os participantes visitarán a Ribeira Sacra, descubrindo os tesouros dun dos lugares máis singulares de Galicia, percorrendo diferentes puntos desta e realizando durante a súa visita un recital de poesía  que porá o punto e final ao Encontro Internacional de Poesía "Víctor Campio", que durante o ano 2021 non puido levarse a cabo pola complicada situación sanitaria.