As paisaxes da Ribeira Sacra protagonizan o filme de Dani de la Torre "Live is Life", patrocinado pola Deputación

Presentacion da pelicula Live is life

A deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, Patricia Torres, participou esta mañá na localidade lucense de Sober na presentación comercial da película: "A Deputación de Ourense reafirma a súa aposta por converter á provincia nun plató de cine"

"Galicia é unha personaxe mais deste filme, grazas a unhas localizacións preciosas", destacou o director do filme. Dani de la Torre, monfortino e formado en Bemposta, recoñeceu o apoio do goberno provincial: "Todo isto non seria posible sen a Deputación de Ourense, á cal agradezo a súa axuda e as facilidades que nos brindaron"

"Live is Life", gravada no 2020, foi unha das primeiras grandes apostas da Deputación de Ourense no eido audiovisual. Unha liña de traballo que desembocou este ano coa rodaxe simultánea de catro proxectos na provincia: "La manzana de oro", "O neno e o can", "Honeymoon" e "13 exorcismos"

Sober, 2 de xuño de 2022.- A deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, Patricia Torres, participou esta mañá en Sober na presentación comercial do filme "Live is Life", dirixido por Dani de la Torre e que conta co patrocinio da Deputación de Ourense.

A película rodouse principalmente en localizacións da Ribeira Sacra ourensá, un aspecto que foi destacado na súa intervención pola deputada: "Esta é unha mostra mais de que Ourense é o lugar ideal para gravar filmes, grazas ás súas paisaxes espectaculares".

Así mesmo, recalcou Patricia Torres, para a institución provincial "é un pracer colaborar neste tipo de proxectos, sobre todo nos que participan persoas tan recoñecidas, reafirmando a nosa aposta por converter a provincia nun plató de cine".

"Galicia é unha personaxe mais deste filme, grazas a uns espazos espectaculares e unhas localizacións preciosas", destacou o director da película. "Todo isto non seria posible sen a Deputación de Ourense, á cal agradezo a súa axuda e as facilidades que nos brindaron", engadiu Dani de la Torre.

Un filme ambientado na Galicia de mediados dos 80

Este filme que mestura elementos de comedia e drama, está ambientado na Galicia de mediados dos anos 80 e conta a historia dun rapaz que regresa a Galicia coma todos os anos polas vacacións de verán para ver os seus amigos, que tamén veñen de diferentes partes de España. Porén, xorden problemas poñendo en risco a súa amizade. Os rapaces pensan escapar na noite de San Xoán para atopar unha flor máxica e que lles permitirá solucionar eses problemas.

O guión da película foi realizado por Albert Espinosa que, tras o  éxito de "Pulseras vermellas", voltou á escritura cinematográfica cun reparto que conta con nomes como Adrián Baena, Juan del Pozo, Raúl del Pozo, David Rodríguez e Javier Casellas.

Esta película clausurou o OUFF do ano pasado e Dani de la Torre recibiu o Premio Ourense en 2020

O director da película, Dani de la Torre, é un dos cineastas españois con máis recoñecemento internacional despois de proxectos como "O descoñecido" (2015) e "A sombra da lei" (2018).

Monfortino do 1975, formouse en Bemposta e na súa traxectoria profesional ten fitos como dirixir este ano a gala dos Goya. De la Torre recibiu o Premio Ourense do OUFF no 2020. Un festival que, precisamente, pechou a súa edición do 2021 co estreo de "Live is Life".

Unha das primeiras grandes apostas da Deputación de Ourense no eido audiovisual

"Live is Life", gravada no 2020, foi unha das primeiras grandes apostas do goberno provincial no eido audiovisual, na que se asociou con Warner -distribuídora- e Atresmedia. De fondo está a liña de traballo desenrolada pola Deputación de Ourense para converter á provincia nun gran plató de cine, e que desembocou este ano coa rodaxe simultánea de catro proxectos na provincia: "La manzana de oro", "O neno e o can", "Honeymoon" e "13 exorcismos".