Cinco autores ourensáns poderán desfrutar dunha residencia literaria no exterior grazas ás bolsas concedidas pola Deputación

Luis Gonzalez Tosar Cesar Fernandez Yolanda Castano Chus Pato e Xose Benito Reza 2

Luis Gonzalez Tosar Cesar Fernandez Yolanda Castano Chus Pato e Xose Benito Reza

As bolsas están xestionadas pola Residencia Literaria 1863 e permitirán ós autores ourensáns seleccionados desenrolar a súa creatividade en estadías en Croacia, Islandia, Turquía, Polonia ou Andalucía

Estas residencias foron adxudicadas baixo o modelo de concorrencia competitiva ós ourensáns Arancha Nogueira, Iria Piñeiro, Cándido Paniagua, Rochi Nóvoa e Alexandre Corbillón

O comité de avaliación estivo formado por Chus Pato, Luís González Tosar e Xosé Benito Reza, actuando de secretaria, con voz pero sen voto, a directora da Residencia Literaria 1863, Yolanda Castaño

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, resalta a aposta do goberno provincial pola cultura a través de iniciativas como esta, que busca "poñer en valor a creatividade dos ourensáns"

Ourense, 24 de xuño de 2022.- O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá a reunión do comité de avaliación das residencias para escritores ourensáns no estranxeiro, impulsadas pola Deputación de Ourense e a Residencia Literaria 1863. O xurado estivo formado pola poeta e académica da Real Academia Galega Chus Pato, o poeta e Presidente do PEN Club e da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar, e o ensaísta e narrador Xosé Benito Reza, quenes revisaron a fondo todas as candidaturas presentadas. Na xuntanza tamén estiveron presentes o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, e a directora da Residencia Literaria 1863, a poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, quen actuou de secretaria do xurado, con voz pero sen voto.

O comité de avaliación decidiu outorgar bolsas capaces de afianzar traxectorias xa consolidadas, dar impulsos definitivos a outras en camiño e ata ofrecer unha valiosa oportunidade a un autor novel, valorando a diversidade e calidade das propostas.

Nesta liña, os creadores seleccionados foron a ourensá Arancha Nogueira, que viaxará a Croacia cun proxecto a cabalo entre o ensaio e a novela de autoficción; a poeta e actriz ourensá Iria Piñeiro, gañadora de dous Premios María Casares, que pasará a segunda quincena de xullo en Mojácar; o narrador e profesor de Xinzo de Limia Cándido Paniagua, que desenvolverá en Turquía o seu proxecto de novela; a mestra e escritora de Sobradelo (Xunqueira de Ambía) Rochi Nóvoa, que se afanará en Polonia nunha proposta de obradoiro de creación literaria orientado á rapazada e o novísimo poeta celanovés Alexandre Corbillón, de 18 anos, que terá a oportunidade de traballar dende Islandia no que será o seu segundo poemario.

César Fernández valora a importancia de "levar adiante esta iniciativa, que busca poñer en valor a creatividade da nosa provincia". O vicepresidente primeiro da Deputación reivindica a "potente aposta" do goberno provincial pola cultura, con iniciativas como esta, "unha oportunidade para que estes cinco creadores poidan levar adiante unha residencia literaria nun contexto diferente ó seu cotián".

Segundo resalta Yolanda Castaño, os beneficiados das bolsas "poderán gozar de estadías creativas no estranxeiro tan capaces de contribuír á súa obra literaria como de incrementar os seus perfís internacionais, concentrándose dende contornos plenamente orientados á inspiración e o estímulo creativo nunhas condicións de excelencia".

Unhas bolsas para impulsar o perfil internacional dos creadores ourensáns

Estas bolsas teñen como principal obxectivo fomentar a creación literaria e o perfil internacional dos autores da provincia. Para lograr este obxectivo, a Deputación de Ourense facilitará á estadía durante todo o mes de agosto os gañadores de esta adxudicación en distintos espazos rurais ó redor de Europa, nunha residencia xestionada pola Residencia Literaria 1863.

Segundo decidiu o comité de avaliación, na Fundación czAR(T) Krzywogonca-, situada no norte Polonia, estará Rochi Nóvoa e no suroeste de Islandia -Centro para a Creatividade Gullkistan-, poderá desfrutar da estadía literaria Alexandre Corbillón. Pola súa banda, Arancha Nogueira poderá desfrutar da Residencia Marko Marulic da Asociación Kurs, en Split- e Cándido Paniagua visitará a Casa dos Escritores de Nilüfer, situada en Turquía.

Cabe sinalar ademais que este proxecto ofrecerá tamén a Iria Piñeiro a oportunidade de desfrutar durante a segunda metade do mes de xullo dunha estadía de quince días na Fundación Valparaíso, nas aforas de Mojácar (Almería).

Estas bolsas, foron adxudicadas baixo o modelo de concorrencia competitiva a estes cinco creadores ourensáns, que achegaron unha memoria do proxecto que se quere desenvolver, un currículo, unha mostra dos traballos anteriores e unha carta de motivación.