A Deputación prepara un proxecto para crear unha plataforma turística baseada na Intelixencia Artificial

Reunion de Manuel Baltar e Fernando Suarez

O plan deseñado pola área de Transparencia e Goberno Aberto aspira a captar fondos europeos co obxectivo de mellorar a experiencia do visitante e potenciar a dixitalización do sector turístico ourensán

O programa inclúe activar un auxiliar de conversa, unha oficina de turismo virtual, un centro turístico integral baseado na Intelixencia Artificial e unha plataforma de intelixencia contextual

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, resalta as posibilidades dun proxecto que "potencia as potencialidades turísticas de Ourense" e o enmarca dentro dos traballos para impulsar o Destino Turístico Intelixente

Ourense, 2 de xullo de 2022.- A Deputación perfila un proxecto de creación dunha plataforma baseada en Intelixencia Artificial (IA) para apoiar ó turismo na provincia de Ourense. O goberno provincial, a través da área de Transparencia e Goberno Aberto, presentou o plan á convocatoria de fondos europeos para a transformación dixital e modernización das entidades locais da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI), da que forma parte a propia Deputación.

O principal obxectivo deste proxecto, que se levaría a cabo entre setembro deste ano e 2023, é a creación da mencionada plataforma para apoiar aos turistas da provincia e facilitar os trámites que realizan os usuarios cando queiran pasar as súas vacacións en Ourense. O programa inclúe activar un auxiliar de conversa, unha oficina de turismo virtual, un centro turístico integral baseado na Intelixencia Artificial e unha plataforma de intelixencia contextual.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Fernando Suárez, para abordar dos detalles do proxecto. Baltar resalta o traballo desta área -"que nos axuda a situarnos á vangarda dos gobernos provinciais de España"- e destaca as posibilidades deste plan, "pensado para o visitante e tamén para apoiar ó sector turístico ourensán, favorecendo as conexións e potenciando as capacidades da nosa provincia, a mellor conectada de Galicia e que ten unha enorme riqueza termal, patrimonial, natural e enogastronómica".

Manuel Baltar enmarca este programa dentro de todo o traballo realizado para impulsar o Destino Turístico Intelixente: "O que estamos a facer é poñer a disposición do visitante todas as ferramentas para que a súa estadía e experiencia en Ourense sexan inesquecibles".

Nesta liña, o proxecto pretende mellorar a experiencia do viaxeiro facendo uso de tecnoloxías innovadoras. Ademais, repercutirá no grao de dixitalización do sector turístico ourensán grazas ao desenvolvemento dun sistema de intelixencia turística para as administracións públicas e empresas do sector, onde se recollen datos das propias empresas e organizacións de toda a cadea de valor, así como investir en proxectos e iniciativas innovadoras que impliquen solucións dixitais para o sector, como o desenvolvemento de aplicacións ou plataformas colaborativas.

Un proxecto de apoio ó turismo composto por catro accións

O primeiro elemento do proxecto é a presenza dun auxiliar de conversa capaz de comunicarse cos cidadáns, en galego e castelán, tanto por voz como por texto, e que lles permitirá consultar información turística de interese e tomar decisións en función dos datos proporcionados.

Dentro do proxecto tamén haberá unha oficina de turismo virtual a través dun espazo virtual accesible nunha páxina web, no que o turista poderá desprazarse para consultar as seccións e espazos que compoñen esta oficina. Deste xeito, o turista poderá acceder a toda a información que precise para as vacacións, como rutas, restaurantes, hoteis ou reservas de servizos.

Outro dos servizos integrados na plataforma é o deseño dun centro turístico integral dotado de intelixencia artificial. Este sistema está deseñado para un entorno de traballo con diversos sistemas de xestión de datos, polo que será necesario un único entorno para ser operado por un gran número de usuarios con diferentes configuracións e niveis de acceso. Ademais, esta parte do proxecto proponse coma un completo sistema de visualización, totalmente configurable, que funciona como integrador de sistemas de información e plataformas de servizos.

Finalmente, grazas ao proxecto existirá unha plataforma de Intelixencia Artificial Contextual para o DTI, que poderá interpretar o contexto preciso no que se atopa o viaxeiro, os seus intereses e preferencias para poder satisfacer as necesidades expresadas ou anticipar e recomendar preditivamente aquelas posibilidades que poidan ser do seu agrado.

Usar as tecnoloxías da información para mellorar a experiencia turística antes, durante e despois da visita a Ourense

O director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Fernando Suárez, sinala que este proxecto basease na "intelixencia contextual" para poder "aportar as solucións máis útiles": "Posibilitamos unha representación dixital máis ambiental, interactiva e preditiva do DTI".

En definitiva, resume Fernando Suárez, "trátase de utilizar as tecnoloxías da información máis vangardistas, como a IA, o 'big data' ou a Internet das cousas, para mellorar a experiencia turística antes, durante e despois da visita. Tamén se mellora a a percepción do viaxeiro, facilitando o coñecemento dos recursos turísticos -natureza, viño, patrimonio...- en función do perfil do viaxeiro e de como planifica a súa viaxe -en familia, só, en coche...-, ademais de habilitar sistemas. que permitan medir e comprobar o grao de satisfacción para poder utilizar estas medidas para a mellora continua".

A vantaxe dos sistemas propostos é que son intuitivos e accesibles. Deste xeito, conséguese unha interacción máis amigable co usuario, por exemplo cun sistema de conversación ou cunha oficina virtual que prestará un servizo de xeito ininterrompido, mellorando a percepción do proxecto Destino Turístico Intelixente.

Tamén se facilitará a navegación pola web e a busca de recursos a través de sistemas visuais con recursos en toda a provincia, permitindo unha maior facilidade para acceder e coñecer a variedade de posibilidades turísticas dos concellos da provincia.