A XIV Festa da Palabra reivindica na Insua dos Poetas ao colectivo Brais Pinto como “motor de reformulación da cultura galega”

Inauguracion das esculturas en homenaxe a Brais Pinto coa intervencion de Ramon Lorenzo

Descurso de Manuel Baltar

Foto de familia dos premiados nesta edicion da Festa da Palabra

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, pediu na súa intervención avanzar no camiño marcado polo colectivo homenaxeado nesta edición: "O desafío é continuar e ampliar o exemplo de Brais Pinto, abrir horizontes, integrarse nas novas tecnoloxías e competir"

Manuel Baltar demanda reforzar "a implantación da cultura galega no tecido social do país" e sitúa a Ourense como eixo do seu futuro: "Pódese contar con esta provincia para atender as demandas dos colectivos e das individualidades máis dinámicas, de vangarda. A partir da ourensanía, que perdura de vello e que tamén animou aos membros de Brais Pinto"

Durante a Festa da Palabra entregáronse os premios Insua dos Poetas 2022 a Ramón Caride, Felipe Senén López, Bieito Romero, o festival Fetega, Pilar Corredoira, José María Vila Alén e o programa "Cos pés na terra"

O Carballiño, 16 de xullo de 2022.- O colectivo Brais Pinto foi o protagonista da XIV edición da Festa da Palabra, celebrada hoxe na Insua dos Poetas (na Esgueva, no Carballiño). Un proxecto "singular, plural, máxico e real", segundo resaltou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, durante un acto organizada, como cada ano, pola Fundación Insua dos Poetas e a Deputación de Ourense co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura.

Á reivindicación de Brais Pinto sumouse a inauguración dun conxunto escultórico de tres pezas realizadas polo artista ourensán Ramón Conde. "Con estas pezas, Brais Pinto incorporase á Insua dos Poetas", felicitou Manuel Baltar, agradecendo a presenza no acto de Ramón Lorenzo, catedrático emérito da Universidade de Santiago e membro do colectivo homenaxeado nesta edición. Ramón Lorenzo, falando como representante do grupo, agradeceu o recoñecemento: "Creo que fomos un grupo importante na cultura galega e é importante que se lembre neste tempo". Pola súa banda, Xosé Luís Méndez Ferrín, que non puido acudir ó acto, enviou un texto -lido polo presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar- no que puxo en valor o traballo do colectivo Brais Pinto, "un renacemento inesperado da cultura galega" en plena ditadura franquista.

Durante a Festa da Palabra entregáronse os premios Insua dos Poetas 2022, que recaeron no músico e fundador de Luar na Lubre, Bieito Romero -música-; o escritor Ramón Caride -literatura-; o arqueólogo, historiador e secretario da Academia de Belas Artes de Galicia, Felipe-Senén López Gómez -en investigación e promoción cultural; o Festival de Teatro Galego (Fetega) "Celso Parada" -recibiu o premio Carlos Ledo, director teatral e actual presidente deste festival-; a crítica de arte e curadora de exposicións Pilar Corredoira -artes plásticas-; o programa da TVG "Cos pés na terra" -recolleu o premio na modalidade de cultura rural Susana Martínez, da produtora-; e o membro do Grupo Nós da Arxentina, fundador e expresidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén -cultura na emigración-. Todos recibiron unha peza orixinal do escultor Acisclo Manzano, recentemente galardoado coa Medalla de Ouro da provincia de Ourense.

Na súa intervención na Festa da Palabra, Manuel Baltar definiu a Brais Pinto como un "motor de reformulación da literatura, das artes plásticas, do audiovisual, da pedagoxía, das ciencias sociais e, tamén, da política. Fixérono a finais da escura década dos 50, con coraxe e valentía, dende Madrid, en plena ditadura franquista". Este colectivo creouse en 1958 arredor de nove galegos residentes en Madrid, todos eles estudantes universitarios ou traballadores preocupados pola situación de Galicia. Entre eles estaban, ademais dos xa mencionados Ramón Lorenzo e o ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín, os -tamén ourensáns- Xosé Ramón Fernández-Oxea "Ben-Cho-Shey"; Bautista Álvarez e Xosé Fernández Ferreiro; ademais de Bernardino Graña; Reimundo Patiño; Xosé Alexandre Cribeiro; Herminio Barreiro e César Arias.

"Debemos reforzar a implantación da cultura galega no tecido social do país"

O presidente da Deputación pediu avanzar no camiño marcado polo colectivo homenaxeado nesta edición: "O desafío é continuar e ampliar o exemplo de Brais Pinto, abrir horizontes, integrarse nas novas tecnoloxías e competir". E, ante o actual contexto da cultura contemporánea galega, remarcou a necesidade de reforzar a "implantación da cultura no tecido social do país. Esta tarefa non resaltará doado, de aí a necesidade do compromiso político, por riba dos partidos e das ideoloxías".

Co exemplo de Brais Pinto e da Xeración Nós -"un exemplo de unidade, de honestidade, de entrega e de traballo en común"-, Manuel Baltar demandou "aproveitar este momento de fervenza, de excelencia e de innegable vitalidade, na literatura, na música, no cine, nas artes plásticas, no teatro, en todo o que comprende a nosa forza creativa".

"E todo este pulo vital -continuou o presidente da Deputación- debe estar encabezado polos poderes públicos propios, apoiando, sen dirixismos, ás iniciativas culturais que partan dos verdadeiros protagonistas".

Manuel Baltar afondou nos vencellos históricos de Ourense coa cultura para situala como eixo do seu futuro: "Pódese contar con Ourense para atender as demandas dos colectivos e das individualidades máis dinámicas, de vangarda. A partir da ourensanía, unha peculiaridade que sempre estivo aí, que perdura de vello e que tamén animou aos membros do colectivo Brais Pinto".

A XV edición da Festa da Palabra estará adicada a Arcadio López Casanova

O presidente da Fundación Insua dos Poetas, o poeta Luís González Tosar, abriu o acto agradecendo o apoio da Deputación e do seu presidente, Manuel Baltar, celebrando a consolidación dun evento que o ano que ven celebrará o seu 15 aniversario. Unha edición que, avanzou González Tosar, estará adicado ó poeta lugués Arcadio López Casanova. "Unha das voces máis representativas da lírica galega", segundo sinalou o presidente da Fundación Insua dos Poetas.

O acto de hoxe estivo conducido polo secretario da Fundación Insua dos Poetas, Xabier Castro Martínez e nel tamén interviron o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega. Ademais, participaron na entrega de premios Insua dos Poetas o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o  deputado Pablo Pérez; o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, e o artista Antón Pulido, membro da Fundación Insua dos Poetas.

Na parte musical, Lucía Álvarez e Xosé Luís Troitiña ofreceron un recital poético-musical con "Poemas dos Brais Pinto"; Lorena Lores e Néstor Blanco presentaron o traballo "Quinta provincia" e a Real Banda de Gaitas do Irixo interpretou a Marcha do Antigo Reino de Galicia e pechou o acto coa interpretación do himno galego. Os asistentes á Festa da Palabra foron obsequiados cunha edición especial do libro "Ulcis", de Xosé Fernández Ferreiro, patrocinado pola Deputación de Ourense.