Unha colorida cerimonia de apertura no Teatro Principal arranca a XXXVII edición das Xornadas de Folclore

 Cerimonia de Apertura das Xornadas de Folclore 1 2

Cerimonia de Apertura das Xornadas de Folclore 2 2

Cerimonia de Apertura das Xornadas de Folclore 3 2

Xornadas de Folclore 4

O acto inaugural das Xornadas, organizadas pola Deputación e o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, deu a benvida aos douscentos participantes procedentes de Chile, Angola, Colombia, México, Costa de Marfil e Indonesia

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participou no acto de benvida saudando aos representantes de cada formación e recoñecendo o traballo do equipo organizador das Xornadas de Folclore

Ourense, 08 de agosto de 2022.- Tras dous anos de espera, o Teatro Principal de Ourense volveu acoller o acto inaugural das Xornadas de Folclore, un festival que percorre toda a provincia de Ourense entre os días entre o 8 e o 17 de agosto. Este evento, organizado pola Deputación e o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e que conta co apoio da Xunta de Galicia, chega este ano a súa XXXVII edición, contando coa participación de 200 participantes -entre artistas e equipo técnico- procedentes de seis países diferentes, convertendo a Ourense nun epicentro da música e o baile tradicional de todo o mundo.

Nesta liña, o acto que deu apertura ás Xornadas de Folclore comezou ás 20,30 horas co desfile de bandeiras, no cal representantes de cada grupo portaron a bandeira do seu país polo corredor central do teatro, sendo mostradas neste ano as bandeiras de Chile -co grupo de Ballet Folclórico Municipal de Rancagua-;  Angola -co grupo Ballet Himalaya-; Colombia -a Compañía Internacional de Danza Paipa-; Costa de Marfil -a Compagnie Artistique Mien-Moh-; Indonesia -coa formación Liga Tari Mahasiswa Kridabudaya-; e México, co Ballet Folklórico do Instituto Tecnológico de Celaya.

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, deu no Teatro Principal a benvida institucional a unha representación dos participantes, acompañado polo director artístico das xornadas, Xulio Fernández. César Fernández saudou aos artistas, remarcando a "expectación e o cariño que amosan os ourensáns en cada unha das actuacións", e recoñeceu o traballo de todo o equipo organizador para construír, "un ano máis, e xa van 37 edicións, un dos eventos culturais de toda a provincia de Ourense, e que ademais e, sen dúbida, unha interesante forma de compartir culturas".

A continuación, proxectouse o documental "Ourense: arte, cultura e tradicións populares", elaborado polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e actuou a escola de danza Castro Floxo. Un programa deseñado, explica o director artístico das Xornadas de Folclore, Xulio Fernández, para recibir os participantes e "mostrar unha parte da nosa cultura, tradición e arte nun espectáculo concentrado".

Unhas xornadas que percorrerán a  provincia de Ourense

Os seis grupos folclóricos percorreran durante os vindeiros días a capital e vilas da provincia, achegando os bailes e músicas tradicionais dos seus países de orixe aos ourensáns. Mañá, martes 9 de agosto, os grupos de Costa de Marfil, Indonesia e Chile estarán en Bande, onde ás 20.30 horas realizarán unha actuación folclórica. Pola súa banda, o resto de grupos visitarán A Rúa, onde mostrarán a música tradicional do seus países as 20.30 no parque do Aguillón.

Celanova recibirá ó día seguinte, mércores 10, ós grupos de Angola, Colombia e México, que actuarán as  20,30 horas no claustro do mosteiro. Dúas horas despois, os artistas de Costa de Marfil, Indonesia e Chile sairán ó escenario na localidade do Carballiño.

O xoves será quenda en Allariz para os grupos procedentes de Costa de Marfil, Indonesia e Chile -estarán dende as 22,30 horas no Campo da Barreira-; mentres que Maceda acollerá ás compañías de Angola, Colombia e México, dende as 22,30 horas no patio do colexio.

Xa na xornada do venres, os grupos Compagnie Artistique Mien-Moh, Liga Tari Mahasiswa Kridabudaya e o grupo de Ballet Folclórico Municipal de Rancagua mostrarán as súas tradicións musicais no patio do colexio de Manzaneda, ás 22.30 horas. E a Compañía Internacional de Danza Paipa, o Ballet Himalaya  e o Ballet Folklórico Instituto Tecnológico de Celaya realizarán o propio á mesma hora na Praza do Prado, en Castro Caldelas.

Viana e Entrimo recibirán o sábado 13 os artistas: na primeira localidade, estarán os grupos de Costa de Marfil, Indonesia e Chile -22,30 horas, na Praza Maior-, e na segunda actuarán Angola Colombia e México -20,30 horas, Alameda-.

Na xornada do domingo, Xinzo acollerá un desfile dos grupos procedentes de Costa de Marfil, Indonesia e Chile, que partirá ás 20,00 horas dende a rúa Toural ata a praza de Carlos Casares, onde as 20,30 horas terá lugar o festival folclórico. Durante este día, Trives tamén poderá gozar deste evento, xa que ás 22,30 horas, no patio do colexio de Santa Leonor, terá lugar a actuación dos artistas de Angola, Colombia e México.

O día 15 de agosto, ás 22.30 horas, en Verín e O Barco terán lugar as actuacións folclóricas dos grupos participantes neste festival. Para o martes 16 de agosto, o protagonismo recaerá de novo na capital provincial, onde todos os grupos participantes percorrerán dende as 22,30 horas o núcleo histórico da cidade, partindo dende o parque de San Lázaro e rematando na Praza Maior, cunha actuación conxunta a partir das 23,00 horas.

E como fin de festa, o mércores 17, no auditorio do Castelo de Ribadavia, todos os grupos darán peche ao festival cunha actuación que porá, dende as 23,00 horas, punto e final ás XXXVII Xornadas de Folclore.