Manuel Baltar define a Blanco-Amor no 43 aniversario do seu pasamento como "un construtor da identidade cultural e política de Galicia"

Ofrenda floral a Blanco Amor 3

Ofrenda floral a Blanco Amor 2

Ofrenda floral a Blanco Amor 1

O cemiterio de San Francisco acolleu esta mañá a tradicional homenaxe ao escritor ourensán, organizada pola Deputación en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco-Amor, o Centro PEN Galicia e mailo IES Blanco-Amor

O sábado, día 3, continuarán os actos de lembranza coa entrega no Liceo do XLI Premio de novela Blanco-Amor, que nesta edición recaeu no autor Roberto Fernández Álvarez pola súa obra A inmoral doutora Cons

Ourense, 1 de decembro de 2022.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou este mediodía no cemiterio de San Francisco na homenaxe ao escritor ourensán Eduardo Blanco-Amor, acto xa tradicional que coincide coa data do seu pasamento, fai hoxe 43 anos. Un día para recordar "a un xenio da nosa literatura", segundo sinala o presidente do goberno provincial e da fundación que leva o nome do autor.

Para Manuel Baltar, o intelectual ourensán non só foi un escritor, "senón tamén un construtor da identidade cultural e política de Galicia". Unha faceta, esta última, da que deixou constancia tanto durante a súa estadía na Arxentina, "acompañando a persoeiros como Castelao, Suárez Picallo, Alonso Ríos ou Rodolfo Prada Chamochín, como cando regresou a Ourense en 1965". De volta na súa terra, engade Manuel Baltar, "mantivo a súa loita polo autogoberno, falando de Galicia e dos seus sinais de identidade, achegas que contribuíron a que hoxe gocemos deste estado autonómico, nunha nación cultural como é Galicia".

Organizado pola Deputación, en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco-Amor, o Centro PEN Galicia e mailo IES Blanco-Amor, ao acto de lembranza tamén asistiron rapaces do centro educativo da cidade; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar; membros da fundación; e representantes culturais. Durante o acto, tres estudantas -Elena Fernández, Alba Quintas e Paula Dios- leron textos da súa propia autoría.

Esta homenaxe a Blanco-Amor no cemiterio de San Francisco naceu a comezos dos anos 80, a iniciativa de Marcos Valcárcel e outros amigos de Eduardo Blanco-Amor, á que se sumou de inmediato o IES de A Ponte, que nesa época pasaría a chamarse IES Eduardo Blanco Amor a petición da profesora María do Carmo Henríquez Salido -presente esta mañá no acto-.

O recordo a un dos grandes referentes da cultura ourensá terá a súa continuación este sábado, día 3 de decembro, coa celebración no Liceo de Ourense, a partir das 20.00 horas, do acto de entrega do XLI Premio de novela Blanco-Amor, que nesta edición recaeu no autor Roberto Fernández Álvarez pola súa obra A inmoral doutora Cons. O galardón, o máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega, está dotado con 15.000 euros e unha peza escultórica de Acisclo Manzano.