Deputación de Ourense, Sergas e Concello da Rúa asinan un acordo para construír un novo centro de saúde neste municipio valdeorrés

  • Manuel Baltar, Jesús Vázquez Almuíña e Álvaro Fernández asinaron hoxe no Pazo Provincial este protocolo de colaboración.

  • O Concello da rúa achegará a parcela necesaria onde se situará a nova infraestrutura sanitaria; a Deputación executará as infraestruturas de viarios, auga, saneamento electricidade e telefonía, e a Consellería de Sanidade levará cabo os trámites e as obras de construción do edificio.

Ourense, 31 de xaneiro de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, asinaron hoxe no Pazo Provincial un protocolo de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde (Sergas), a Deputación de Ourense e o municipio rues para a execución das obras de construción do novo centro de saúde no Concello da Rúa.

O Concello da Rúa realizará os trámites oportunos para a transmisión en pleno dominio e libre de cargas e gravames da parcela para a construción do centro coa cualificación urbanística axeitada ao Plan Funcional e de Espazos, mentres que a Deputación de Ourense executará as infraestruturas como o acceso rodado e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, alumeado e telefonía. Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) levará a cabo os tramites necesarios e as obras de construción do novo centro de saúde, unha vez posta a disposición a parcela necesaria.

O presidente do goberno provincial valora este acordo destacando que hoxe "é un día importante para A Rúa, porque se pon de manifesto o compromiso entre a Xunta, o Concello da Rúa e a Deputación de Ourense para facer realidade a construción do novo centro de saúde", unha iniciativa, expresou Baltar, "pola cal felicito ao alcalde e ao conselleiro de Sanidade, xa que, froito da cooperación entre as tres administracións poñemos en marcha unha infraestrutura sanitaria moi demandada, tendo en conta que a vocación das tres administracións é a de materializar un proxecto como este, perfectamente plantexado polo alcalde da Rúa".

O conselleiro de Sanidade afirmou que con este acordo "formalizamos este primeiro paso para, en meses, ter un centro de saúde a disposición dos veciños da Rúa", e o alcalde rues agradeceu "a colaboración da Deputación de Ourense e da Consellería de Sanidade para levar a cabo este proxecto", e dixo sentirse "entusiasmado e moi agradecido de que se dera este paso tan importante para que, dentro de pouco, o novo centro de saúde sexa unha realidade".