Manuel Baltar pon de relevo o termalismo “como o gran eixo transformador e dinamizador da provincia co maior potencial de Europa”

Inauguracion Termatalia 2021.1

• No acto inaugural de Termatalia 2021, o presidente provincial subliñou que o novo período de pospandemia "é unha grandísima oportunidade para dar impulso a este ámbito", engadindo que chegou o momento de abrir unha fiestra ao optimismo con "noticias de reactivación", citando o traballo que está a realizar a Deputación de Ourense co Plan de Sustentabilidade Turística en Destino "Ourense Termal" ou a próxima aprobación dos programas de Termalismo Social de 2021 e 2022

Ourense, 15 de setembro de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense e presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas con Patrimonio Termal (EHTTA), Manuel Baltar, destacou hoxe a relevancia do termalismo "como o gran eixo transformador e dinamizador do territorio, especialmente nunha provincia como a nosa que ten o maior potencial termal de Europa". Na inauguración de Termatalia 2021, en Expourense, afirmou estar satisfeito por comprobar "o protagonismo que de novo ten Ourense nun evento internacional destas características, ganado a pulso desde hai anos".

Baltar, que saudou "os meus compañeiros da Asociación Europea de Cidades Termais, que reúne a 51 sitios con augas mineromedicinais de 18 nacións europeas, a maior organización pública termal que existe no mundo", subliñou que o novo período de pospandemia que se está a abrir "é unha grandísima oportunidade para dar impulso a este ámbito, que de seguro en 2022 volverá a ter o máis importante punto de referencia neste recinto coa celebración dunha gran edición de Termatalia".

Neste contexto, o presidente provincial afirmou que chegou o momento de abrir unha fiestra ao optimismo con "noticias de reactivación", citando o traballo que está a realizar a Deputación de Ourense para converter o Pazo Provincial nun gran hotel balneario de referencia en Europa ou o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino "Ourense Termal", que en colaboración coa Xunta de Galicia e co Estado inclúe, entre outras accións, a posta en marcha do Observatorio Mundial do Termalismo con sede en Ourense.

Manuel Baltar tamén anunciou a aprobación, o próximo luns en Xunta de Goberno, do Programa de Termalismo Social 2021, no que participarán ata final de ano os sete balnearios adheridos, programa que para 2022 verá a luz en outubro "co fin de que estea plenamente operativo para os primeiros meses do vindeiro ano".

Coa presenza do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e representantes nacionais, europeos e iberoamericanos do sector, Termatalia 2021 abriu hoxe as súas portas con medio milleiro de inscritos de 29 países que, en formato presencial e a distancia, participarán ata o venres, día 17, nas distintas accións programadas como o 2º Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, o 4º Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida organizado polo Campus da Auga da Universidade de Vigo; o Workshop especializado en Turismo de Saúde e Benestar; a 18ª Cata Internacional de Augas e un seminario de formación en augas minerais.