Un libro recolle a historia dos fidalgos que habitaron dende o século XV o Pazo de Piñor

presentacion libro o pazo de pior 01 para webA obra, editada pola Deputación de Ourense, supuxo un minucioso traballo de investigación por parte da autora, Mary Cruz Bangueses.

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do libro O Pazo de Piñor, obra de Mary Cruz Bangueses Cobelas e ilustrado con fotos de Mani Moretón. Trátase dunha obra que relata a historia desta fermosa casa de labranza dende o século XV ata os nosos días, situada no concello de Barbadás, e na que se mesturan arquitectura e o relato das vivencias dos denominados señores medianeiros ou fidalgos. O acto contou coa presenza da autora e mailo presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcalde de Barbadás, José Manuel Freire Couto, e a responsable de Publicacións da institución provincial, Ana Malingre.

Manuel Baltar dixo que o libro "é un atraínte e interesante percorrido por 500 anos da historia de Ourense, un traballo que pon en valor o legado de xeracións de persoas que habitaron o Pazo de Piñor, pero que tamén serve para poñer en valor o noso patrimonio e a nosa historia, algo que temos que seguir preservando".

Pola súa banda, a autora da obra explicou que é importante que todos os pazos e as casas señoriais de Ourense "abran os seus arquivos e permitan aos investigadores achegarse aos antigos documentos que posúen, para que esa parte da historia da nosa provincia que aínda permanece sen ser contada poida chegar a todos nós".

Mary Cruz Bangueses explicou que na importante documentación atopada no Pazo de Piñor hai documentos relativos a antigas autoridades do concello e da provincia de Ourense, ademais de documentos xudiciais de gran valor e mesmo pergamiños, dos cales se da conta no libro.

Segundo relata a autora, é interesante coñecer ás orixes dos pazos galegos que aparecen en Galicia en época moderna, e moitas veces son froito de anexións de casas diversas. Mary Cruz Bangueses chegou á conclusión de que é erróneo atribuír a fundación do Pazo de Piñor a don García Díaz de Cadórniga e á súa dona, senón que o Pazo de Piñor xurde no século XVI a partir da morada de Pedro García de Pazos, sendo o pazo posteriormente transformado ata chegar aos nosos días.

Pedro García de Pazos foi un expoñente dos denominados "señores medianeiros" ou fidalgos sen título, que aparecen no século XV como intermediarios entre os labregos que cultivan as terras e os propietarios directos que cobran as rendas. Polo xeral, estes os señores medianeiros, arrendaban as terras obtidas mediante foro a un terceiro, e cobraban unha renda moito maior que a que pagaban aos donos directos das terras.

Os "medianeiros", para preservar o patrimonio fundan morgados: formas de propiedade que impiden ao seu titular dispoñer en vida dos bens vinculados e impoñen unha orde sucesoria preferente; así, o ben vinculado debe pasar íntegro ao herdeiro xeralmente primoxénito varón, co desexo de que os bens aumenten e non diminúan, en favor dunha liña sucesoria determinada.

Esta nova pequena fidalguía e tamén o clero local constrúen moradas ou reforman antigas construcións, cun resultado suntuoso, coa intención clara de ter un carácter diferenciador en relación ao seu contorno e veciños. Así os pazos que se levantaron no século XVII son rústicos e menores, en relación cos edificados no século XVIII.

O Pazo de Piñor sufriu sucesivas intervencións que converteron a antiga casa de labranza de Pedro García nunha "Casa Grande" grazas á situación económica favorable dos seus sucesivos, que conseguiron darlle un aspecto señorial, pero que se combina coa súa funcionalidade agrícola, utilizando o pazo como centro de recadación de rendas das terras -arrendadas ou aforadas-, como granxa de autoconsumo ou como lugar de descanso estival.