Este luns ábrese o prazo para participar no Campamento Explora Ourense, que se desenrolará en Muíños durante agosto

Paulo Vazquez Manuel Baltar e Placido Alvarez

O Complexo do Corgo, en Muíños, no Parque natural da Baixa Limia- Serra do Xurés acolle este campamento xuvenil, organizado pola Deputación coa colaboración do Concello e da asociación Sustinea

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacou a "completa oferta de actividades" e a importancia de que os rapaces desfruten mentres coñecen "unha das mellores postais da nosa provincia"

O alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, avanzou a "altísima participación en tódolos campamentos que acolleremos este verán" e agradeceu o apoio da Deputación para "contar con Muíños para facer provincia"

O Campamento Explora Ourense ofrecerá dúas quendas de inscrición: do 1 ó 6 de agosto para nenos de entre 9 e 11 anos -20 prazas- e do 7 ó 12 de agosto para nenos de 12 a 14 anos -20 prazas-

Nesta nova edición incorpóranse actividades en inglés ó programa habitual de kaiak, sendeirismo, vivaque e xogos

Ourense, 1 de xullo de 2022.- Corenta rapaces poderán desfrutar en agosto do Campamento Explora Ourense - Campamento da Ourensanía, que se desenrolará no Complexo do Corgo, en Muíños, dentro do Parque natural da Baixa Limia - Serra do Xurés. Esta iniciativa está organizada pola Deputación en colaboración co Concello de Muíños e a asociación Sustinea, e conta cun prazo de solicitude para inscribirse entre este luns, 4 de xullo, e o 13 de xullo.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, presentou o campamento acompañado polo alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, e Paulo Vázquez, de Sustinea. Baltar resaltou que "un ano máis, a Deputación de Ourense colabora co Concello de Muíños para que a mocidade desfrute deste campamento nunha das paraxes máis senlleiras do noso territorio, sen dúbida unha das mellores postais de Ourense".

Manuel Baltar destaca a importancia de que a "mocidade desfrute destes campamentos, coñezan polo miúdo un dos lugares máis importantes da provincia, á vez que enriquecen esta estadía co inglés e o resto de actividades, nunha completa oferta para un momento de lecer moi necesario para os novos da casa".

"Agradezo ao Concello de Muíños e ó seu alcalde, ó grupo de goberno e os técnicos municipais, este impulso, esta capacidade de proposta", valorou o presidente da Deputación, que enfatizou a importancia da cooperación: "A través da colaboración podemos elaborar estas iniciativas, que proxectan unha magnífica imaxe de Muíños e de toda a provincia".

Nesta mesma liña, o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, destacou a importancia de impulsar este tipo de actividades, como os campamentos para os rapaces ou o programa Xurés Experience, para a dinamización de Muíños e de toda a comarca. "A altísima participación que teremos en tódolos campamentos deste verán amosan o éxito desta aposta. Estamos moi orgullosos de recibir a tantos rapaces nas próximas semanas", analizou Álvarez, antes de agradecer o apoio da Deputación "para que conte con Muíños para facer provincia".

Dúas quendas en agosto

O Campamento Explora Ourense - Campamento da Ourensanía ofrecerá dúas quendas: do 1 ó 6 de agosto para nenos de entre 9 e 11 anos -20 prazas- e do 7 ó 12 de agosto para nenos de 12 a 14 anos -20 prazas-.

Coma novidade, nesta edición incorpóranse actividades en inglés, que permitirán avanzar no coñecemento deste idioma dun xeito lúdico. Ademais, manteranse actividades coma o kaiak, o sendeirismo, vivaque, xogos...

A matrícula individual é de 85 euros. Para solicitar a participación, o prazo estará aberto dende o 4 de xullo ata o día 13 e as inscricións poderán realizarse a través da folla de solicitude que se habilitará o efecto na web da Deputación (www.depourense.gal) ou no Centro Cultural Marcos Valcárcel no número 988 317 895.

Baltar recoñece o traballo de Verino na inauguración da retrospectiva do deseñador: "É momento para crer na palabra 'orgullo' e neste territorio, feito con tesón e creatividade"

Inauguracion da exposicion de Roberto Verino 2

Inauguracion da exposicion de Roberto Verino 4

Inauguracion da exposicion de Roberto Verino 5

O presidente da Deputación participou na apertura da mostra "40 anos de Estilo Verino", situada na Casa da Cultura de Verín e que despois percorrerá unha docena de cidades españolas

Manuel Baltar resaltou os vencellos do deseñador con Verín, "un territorio que compartimos e do que presumimos día a día"

Verino definiu esta exposición como "moito máis que unha compilación de fotografías dos mellores fotógrafos de moda. É unha forma de expresión propia coa que recordamos que noso estilo perdura a través dos anos"

Verín, 30 de xuño de 2022.- A Casa da Cultura de Verín acolle dende esta mañá a exposición de fotografías "40 anos de Estilo Verino", unha retrospectiva do traballo do deseñador Roberto Verino con imaxes de "top models" como Christy Turlington, Olatz ou Helena Christensen e fotógrafos como Eloy Lozano, Javier Vallhonrat, Jacques Olivar ou Paco Navarro. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou na inauguración da mostra, acompañado polo propio Verino; o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; a segunda tenente alcalde de Verín, Rosario Rodríguez; a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; os alcaldes da Mancomunidade de Verín; deputados, rexedores e concelleiros da comarca.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, valorou na inauguración da exposición o traballo de Roberto Verino ao longo destes anos, destacando os seus vencellos con Verín: "Demostraches que é posible. Témoste acompañado, lideráchesnos, seguímoste, e sen dúbida este é un momento único para presumir, para crer na palabra 'orgullo' e neste territorio, esta provincia da que formamos parte, feita a base de tesón e de compromiso pola historia e polas súas xentes, con traballo, coa emigración, somos unha provincia emigrante, pero sobre todo coa creatividade".

Despois de que Verino sinalase o seu "orgullo por ser verinense", Manuel Baltar reivindicou ese orgullo de pertenza "un territorio que compartimos e do que presumimos día a día. Ver esta exposición, estes corenta anos, estas corenta fotografías e ver a Verín unida con París, con Nova York, con Christy Turlington, con Helen Christensen... Iso fai corenta ou cincuenta anos eran territorios que quizais nalgunha imaxinación ou utópica mentalidade puidera existir".

Baltar aplaudiu a exposición, que "resume perfectamente as características da exposición", e avanzou o apoio do goberno provincial ó traballo do deseñador: "A Deputación de Ourense vai acompañar a empresa, que é Ourense, porque Roberto Verino é Ourense, en todo aquelo que pretenda poñer en marcha, porque temos que acompañar a todos aqueles que cren e demostran as tremendas posibilidades que é dar pasos, atravesar novas dimensións, fixar obxectivos que ao principio poden parecer irrealizables pero que tes demostrado que se poden conseguir".

"Moito máis que unha compilación de fotografías", sinalou Roberto Verino

"Esta exposición é moito máis que unha compilación de fotografías dos mellores fotógrafos de moda. É unha forma de expresión propia coa que recordamos que noso estilo perdura a través dos anos. Unha muller ou home Verino pode ter unha prenda no seu armario de hai 20 anos e ser perfectamente actual no día de hoxe", sinalou Roberto Verino na inauguración da mostra, que foi conducida pola segunda tenente de alcalde de Verín, Rosario Rodríguez.

40 fotografías, unha por cada ano da marca, na que se pode ver a evolución da propia da enseña e na que o fío condutor é un estilo propio e inconfundible que se percibe nas instantáneas. "Se nos percatamos no que nos aporta esta selección de fotos, podemos ver unha linguaxe propia que vai no noso ADN. Un código de elegancia, sen estridencias, con selo para todos aqueles que desexan estar ben consigo mesmos", aportou o deseñador verinés.

"Para nós, a moda pode axudarnos a ser máis equilibrados, a estar máis contentos e seguros e isto é un pilar que temos que ter en conta cando mercamos unha prenda", asegurou Roberto Verino durante a presentación. "Eu sempre insisto no concepto da importancia de ter un bo armario emocional, con prendas que resolven o teu día a día e, que ademais, recordan bos momentos, falan da túa familia, da túa historia e de ti mesmo. Un armario desas características sempre dirá moito máis do que o defenda, aportará un estilo propio e inconfundible a todo aquel que aposte por esta forma de moda que perdura con verdadeiro propósito", indicou o deseñador.

A exposición comeza na súa vila natal e percorrerá unha docena de cidades españolas neste 2022 e 2023, entre as que están Sevilla, Oviedo, Santander, Madrid, Santiago de Compostela ou Bilbao. A exposición estará aberta dende o 30 de xuño ao 30 de agosto e conta cunha web www.estiloverino.com

 

A Deputación avanza no proxecto do hotel balneario de Ourense, co Pazo de Xustiza e a delegación de Sanidade como sedes provisorias da administración provincial

Reunion para avanzar no proxecto do hotel balneairo de Ourense

A sala de xuntas do Pazo Provincial acolleu esta mañá unha nova reunión de traballo na que tamén se acordou iniciar os trámites para contratar a redacción do proxecto básico das futuras instalacións termais, cun importe de 251.000 euros

Manuel Baltar destacou os avances logrados no encontro "pero sempre sen perder de vista o obxectivo máis importante, que é contar antes de 2027 cun balneario de referencia en Europa"

As dúas posibles ubicacións cumpren as necesidades de espazo dos diversos departamentos. Na reunión descartouse a posibilidade do traslado da administración provincial á vella cárcel

Na xuntanza presentouse un novo informe sobre as medicións e análises mensuais que se realizan no manantial da Deputación para conseguir a preceptiva declaración de auga mineiro medicinal e termal. Un documento que "arroxa uns resultados tremendamente positivos e confirman a idoneidade e calidade mineromedicinal das augas", subliñou o presidente

Ourense, 30 de xuño de 2022.- A sala de xuntas do Pazo Provincial acolleu esta mañá unha reunión de traballo para avanzar na conversión da actual sede da Deputación no gran hotel balneario de Ourense. Un encontro que, segundo anunciou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, permitiu concretar dous posibles espazos para o traslado provisional dos servizos provinciais -o antigo Pazo de Xustiza, na praza de Concepción Arenal, e a delegación de Sanidade da Xunta de Galicia, na avenida de Zamora- e descartando o traslado da administración provincial á vella cárcel.

Ademais, neste encontro de traballo deuse o visto bo ao inicio da redacción do proxecto e confirmouse a calidade mineromedicinal das augas. "Novos pasos pero sempre sen perder de vista o obxectivo máis importante, que é contar antes de 2027 cun balneario de referencia en Europa", declarou o presidente ao remate da reunión.

Na xuntanza, a segunda celebrada este ano trala convocatoria de febreiro, tamén participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; a concelleira de Urbanismo do Concello de Ourense, Sonia Ogando; o  responsable do proxecto do balneario, Mario Crecente; os técnicos da administración provincial Mónica Legaspi, Juan Marquina, Eva Reza e Javier de Anta.

Polo que respecta ao traslado provisorio dos servizos situados no Pazo Provincial, na reunión concretáronse as xa mencionadas dúas posibles localizacións: o antigo Pazo de Xustiza, na praza de Concepción Arenal, e a delegación de Sanidade da Xunta de Galicia, na avenida de Zamora. Dous inmobles que segundo explicou Manuel Baltar, "reúnen os 3.000 metros cadrados de superficie necesarios para que a actividade administrativa da Deputación funcione a un nivel óptimo". O traslado ás futuras instalacións provisionais calcúlase que podería realizarse ao longo do segundo semestre do 2023.

Análises e medicións mensuais

Ademais de acordar o inicio do procedemento para contratar a redacción do proxecto básico do hotel balneario, por un importe de 251.000 euros, na xuntanza presentouse un novo informe sobre as medicións e análises mensuais que se realizan na captación situada nun dos patios interiores da Deputación, co fin de conseguir a preceptiva declaración de auga mineiro medicinal e termal. Un documento que "arroxa uns resultados tremendamente positivos e confirman a idoneidade e calidade mineromedicinal das augas", subliñou o presidente.

O informe sinala que no presente mes de xuño recolleuse a quinta mostra das augas para a súa análise físico-química nun laboratorio acreditado e sempre coa presenza de técnicos da Consellería de Industria para levantar acta da mostraxe. Os resultados dispoñibles na actualidade confirman que o manantial ten unhas características "moi homoxéneas correspondentes a augas termais", cunha temperatura que alcanza ata 41,8 graos, con ausencia total de contaminación, de orixe profunda e cun tempo de permanencia no subsolo de entre 25.000 e 30.000 anos. Unha vez rematado o proceso de declaración das augas, que inclúe a recollida de sete mostras máis ata completar un período de 12 meses, e obtida a cualificación de augas mineiro medicinais e termais por parte da Consellería de Industria, iniciarase o expediente de aproveitamento das mesas.

Un balneario de referencia en Europa

O proxecto impulsado polo presidente da Deputación para dotar a Ourense dun hotel balneario de referencia en Europa ten como aval a captación termal realizada nun dos patios interiores do Pazo Provincial, onde se atopou un acuífero cun caudal de 3 litros por segundo, a unha temperatura de 41,6 graos e cun contido en sales minerais propio das augas termais de Ourense. Un caudal máis que suficiente para que a actual sede da administración provincial, un inmoble construído a finais do século XIX e declarado Ben de Interese Cultural en 1975, convértase nun establecemento hoteleiro de 5 estrelas cunha ampla oferta termal, a escasa distancia dun dos emblemas da cidade como As Burgas e na contorna da área comercial e o casco vello da cidade.

Auria, en homenaxe á cidade na que Eduardo Blanco-Amor ambientou as súas obras, é o nome proposto para o futuro hotel balneario, no que se habilitarán entre 52 e 71 habitacións con seis tipos de aloxamentos. Os patios interiores estarán cubertos con solucións tecnolóxicas e reversibles para protexer do sol o interior e captar enerxía, incluíndo na zona norte unha gran piscina de inspiración romana rodeada por un circuíto balneario, mentres que na área sur habilitarase un espazo polivalente para acoller unha ampla variedade de eventos ou empregarse como terraza cuberta do restaurante e do hotel.

A Deputación e 20 concellos asinan un convenio de "acompañamento dixital" para facilitar a solicitude de axudas sociais a persoas sen habilidades tecnolóxicas

Sinatura plan de acompanamento dixital 2

Sinatura plan de acompanamento dixital 1

Sinatura plan de acompanamento dixital 3

A partir do 1 de xullo, os veciños poderán solicitar desde o seu propio concello os programas que ofrece a área de Benestar sen ter que viaxar ata a capital, sen papeis e sen necesidade de que saiban ou poidan utilizar a administración electrónica

"Cero papel, cero quilómetros, cero desprazamento e cero exclusión dixital", subliñou Manuel Baltar durante a sinatura do documento no Centro Cultural Marcos Valcárcel. "Isto é cooperación e vai na andaina de prestar os mellores servizos públicos sen discriminar a ninguén dixitalmente"

Outros 30 concellos ourensáns xa manifestaron o seu interese por incorporarse a este programa deseñado contra a exclusión dixital

Manuel Baltar avanzou outros proxectos nos que traballa a Deputación como un novo modelo de análise en tempo real sobre o impacto das políticas sociais; a transformación dixital do Servizo de Axuda no Fogar; a aplicación de métodos de intelixencia artificial (IA) a estes programas; e a convocatoria en 2023 dun curso de verán da Universidade de Vigo sobre IA nos servizos sociais

Ourense, 29 de xuño de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e as alcaldesas e alcaldes en representación de vinte concellos da provincia asinaron esta mañá o primeiro convenio de "Administración con acompañamento dixital", polo que a cidadanía sen habilidades ou acceso ás novas tecnoloxías poderá solicitar desde os servizos sociais do seu propio concello as axudas e servizos que ofrece a área de Benestar da Deputación. "Cero papel, cero quilómetros, cero desprazamento e cero exclusión dixital", dixo Manuel Baltar resumido así a filosofía deste plan.

A sinatura do convenio tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde o presidente da Deputación estivo acompañado pola deputada de Reto Demográfico, Igualdade e Políticas Sociais, Luz Doporto, e mailo responsable da área de Benestar, José Juan Cerdeira. Os concellos asinantes foron Os Blancos, A Bola, Calvos de Randín, O Carballiño, Entrimo, Lobeira, Lobios, Padrenda, Pereiro de Aguiar, Petín, Pobra de Trives, Sarreaus, Riós, Trasmiras e Xinzo de Limia, así como outros cinco de modo indirecto -Beariz, Boborás, O Irixo, Piñor e San Amaro- a través da Mancomunidade do Carballiño. Outros 30 concellos da provincia, segundo a área de Benestar, xa manifestaron o seu interese por incorporarse a este programa.

Manuel Baltar agradeceu a presenza das alcaldesas e alcaldes nun acto "realmente importante, porque isto é cooperación e vai na andaina de prestar os mellores servizos públicos ás persoas e colectivos en risco de exclusión dixital". Grazas a este convenio, destacou, "moitos veciños dos concellos asinantes poderán presentar as solicitudes de axudas sociais sen ter que desprazarse ata a capital, sen papeis, sen necesidade de que saiban ou poidan utilizar a administración electrónica, é dicir, sen discriminar a ninguén dixitalmente".

Atención persoal con tratamento dixital

A veciñanza, subliñou Manuel Baltar, será atendida no seu concello "pero como se a solicitude fose tramitada pola administración electrónica, unindo atención persoal con tratamento dixital". Neste sentido e para avaliar a importancia deste proxecto puxo como exemplo as tramitacións xestionadas para o programa Chegou de fomento á natalidade: "Entre o ano 2021 e o primeiro semestre de 2022, un de cada cinco solicitantes tivo que acudir desde o seu municipio de residencia á sede da área de Benestar, no edificio de Correos da capital".

O programa comezará a funcionar o próximo venres, 1 de xullo, e nesta semana un total de 34 técnicos municipais dos concellos asinantes serán dados de alta no sistema de acompañamento dixital. Así quedarán acreditados para cumprimentar dixitalmente as solicitudes, imprimilas e axudar ao cidadán para que as presente fisicamente no rexistro electrónico do seu municipio.

Oficina de tramitación "híbrida"

Esta iniciativa complétase cun proxecto piloto que a próxima semana porá en marcha a área de Benestar, coa apertura na súa sede dunha oficina con administración híbrida para cidadáns sen certificado dixital. A través de pantallas dixitais a cidadanía poderá cumprimentar a solicitude de axuda que precise, co asesoramento dun funcionario, recibindo unha copia impresa para presentala fisicamente no rexistro electrónico provincial.

En breve tamén se porá en marcha unha segunda opción, de tal modo que unha vez cumprimentada a solicitude e previa identificación do cidadán, o funcionario poderá presentar o documento co seu certificado dixital en nome do solicitante. Ademais, crearase un grupo de traballo contra a exclusión dixital para seguir perfeccionando a resposta da Deputación ante os aspectos máis negativos derivados da transformación dixital das administracións públicas.

Novos proxectos en transformación dixital

No acto desta mañá, Manuel Baltar avanzou novos proxectos relacionados coa transformación dixital nos que está a traballar a Deputación de Ourense e que se porán en marcha a primeiros do próximo ano.

Así citou o programa "Benestar Lab", un plan dixital "que permitirá analizar en tempo real o impacto das políticas sociais prestadas o cofinanciadas pola administración provincial, un modelo de mellora continua que analizará parámetros relacionados coas solicitudes de axuda ou a prestación de servizos. Tamén falou da aplicación do concepto de "Disrupción dixital" a programas sociais, que terá como finalidade analizar a xestión do Servizo de Axuda no Fogar municipal, que a Deputación cofinanciou con 8 millóns de euros nos últimos dez anos. Neste mes, explicou, creouse un grupo de traballo composto por técnicos da área de Benestar e dos servicios sociais comunitarios de dez concellos "para buscar fórmulas de transformación dixital que aforren fondos municipais e melloren o servizo á cidadanía".

Manuel Baltar anunciou ademais que se estudará a aplicación de métodos de intelixencia artificial na prestación dos servizos sociais, con especial atención  "a todas aquelas posibilidades que mellor se adapten á nosa realidade provincial, en especial o envellecemento, a dispersión poboacional e a ruralidade".

Outra das iniciativas a desenvolver será unha proposta á Universidade de Vigo para que en 2023 se convoque, no Campus de Ourense, a primeira edición dun curso de verán sobre "Intelixencia Artificial aplicada aos servizos sociais", ao que se invitaría a participar aos mellores especialistas europeos na materia, así como institucións, entidades e empresas co fin de coñecer as últimas novidades nestes servizos "que poidan aplicarse na nosa provincia". O curso sería itinerante celebrándose cada ano nun concello que previamente o solicite.