Manuel Baltar participa no acto de entrega dos informes técnicos da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

  • Destacou que con esta distinción "réndese homenaxe á historia, ás tradicións, á viticultura, ao patrimonio artístico e natural e aos que habitaron estas terras en perfecta sintonía coa riqueza paisaxística e monumental".

Ourense, 29 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na sede do Valedor do pobo en Santiago no acto de entrega dos informes técnicos para o expediente de declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. No acto tamén estiveron presentes o Valedor do Pobo, José Julio Fernández; o deputado lugués e presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, e a responsable de Área do Valedor do Pobo, Beatriz González.

Hoxe fíxose entrega da citada memoria científica e o paso seguinte será a solicitude de expediente BIC –asinada hoxe- por parte da Consellería de Cultura. Este proceso para chegar ate este informe, no que se detallan as especificidades e criterios técnicos que avalan a candidatura, deu comezo en xuño de 2014 cando as deputacións de Ourense e Lugo asinaron co Valedor do Pobo un convenio de colaboración para que este coordinase un equipo académico multidisciplinar co obxectivo de elaborar a memoria científica que se xuntará á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial diante da Unesco.

Manuel Baltar dixo que toda Galicia "será Patrimonio Mundial cando recibamos este recoñecemento, porque con esta distinción réndese homenaxe á historia, ás tradicións, á viticultura, ao patrimonio artístico e natural e por suposto aos que habitaron estas terras en perfecta sintonía coa riqueza paisaxística e monumental", engadindo que con esta nominación "protéxese un legado cultural que será motivo de orgullo para as vindeiras xeracións".

O presidente do goberno provincial explicou que precisamente, nestes días "o Comité de Patrimonio Mundial da Unesco está a analizar as propostas xa presentadas, unha das cales (o Camiño Norte) afecta a Galicia", e lembrou que o país "con máis bens Patrimonio da Humanidade é Italia, con 50, seguido de China con 47, e en terceiro lugar está España, con 44, un número moi destacado e significativo tendo en conta que países como Estados Unidos ou Australia teñen 22 e 19, respectivamente".

Traballos técnicos

Os traballos técnicos foron desenvolvidos por expertos nas áreas temáticas de: Produción agrícola e formas de cultivo; Xeografía física; Edafoloxía; Botánica; Patrimonio cultural (Historia, Historia da Arte, Arqueoloxía, Arquitectura e Antropoloxía); Economía aplicada e Produción vitivinícola. O documento enviarase agora ao Ministerio de Cultura para a súa presentación polo Reino de España -unha vez aprobada polo Consello do Patrimonio Histórico Español- ante o Centro de Patrimonio Mundial para que sexa avaliada polo Comité do Patrimonio Mundial.

A candidatura define, describe e delimita o ben proposto, ademais de delinear a súa historia e acreditar un valor universal excepcional, especificando neste caso como dito valor vaise manter e salvagardar por medio da protección legal e da xestión dos recursos que testemuñan o dito valor; cal será o proceso de xestión e o sistema a desenvolver, así como quen vai participar no mesmo.

O proceso que se está a desenvolver para acadar a certificación da Unesco xurdiu en setembro de 2013 cando Manuel Baltar convocou aos alcaldes da provincia de Ourense dos concellos integrados na Ribeira Sacra para expoñerlles como presidente do goberno provincial a súa decisión de reactivar o proceso para acadar o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. Nesa xuntanza, Manuel Baltar acadou a unanimidade dos alcaldes e, de seguido, presentou unha moción no pleno da corporación provincial e falou co presidente da Deputación de Lugo para que o ente lucense se sumase á iniciativa, como así fixo.

Deste modo, en decembro de 2014, no Mosteiro de San Pedro de Rocas, asinouse un convenio de colaboración entre as dúas deputacións, o Valedor do Pobo e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia para iniciar todos xuntos a andaina a prol da distinción da Unesco.

Dende entón, o comité designado con representantes dos concellos e das deputacións fixo o seu traballo ao igual que o equipo científico e técnico, e agora chega o momento de que a Xunta inicie o proceso para a declaración de BIC, trámite fundamental para que a solicitude se eleve ao Goberno do Estado para que sexa debatida na Unesco cando corresponda.

Manuel Baltar amosa no Parlamento o apoio da Deputación de Ourense á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

  • Asistiu hoxe en Santiago ao encontro organizado polo Valedor do Pobo e a UIMP para referendar a candidatura e poñer en valor a defensa deste singular espazo natural.

Ourense, 15 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asistiu hoxe no Parlamento de Galicia ao encontro "A Ribeira Sacra: protección dunha paisaxe cultural candidata a Patrimonio Mundial", para referendar o apoio do goberno provincial ourensán a esta iniciativa que ten como obxectivo poñer en valor a singular paraxe da Ribeira Sacra.

O acto, organizado polo Valedor do Pobo e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), contou tamén coa presenza da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o conselleiro de Cultura e Educación da Xunta, Román Rodríguez; o Valedor do Pobo, José Julio Fernández, e o director en Galicia da UIMP, Domingo Bello Janeiro, amosando así o respaldo de todas as institucións presentes á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco.

Manuel Baltar afirma que toda Galicia "será Patrimonio Mundial cando recibamos este recoñecemento, porque se rende homenaxe aos que habitaron estas terras en perfecta sintonía coa riqueza paisaxística e monumental e se protexe un legado cultural que será motivo de orgullo para as vindeiras xeracións". O presidente ourensán destaca que o labor que se está a levar a cabo a prol deste recoñecemento "está presidido pola unanimidade, a profesionalidade e o rigor", e aínda que o camiño é longo "farémolo co acordo e o consenso de todos".

A Ribeira Sacra terá "o mellor museo de Antropoloxía de España", en palabras do antropólogo Manuel Mandianes

  • Olegario Sotelo Blanco ultima con Manuel Baltar as condicións e ubicación desta infraestrutura cultural.

Ourense, 12 de novembro de 2014.- O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, recibiu hoxe a Olegario Sotelo Blanco, presidente da fundación que leva o seu nome, para falar de proxectos culturais directamente relacionados coa Ourensanía. Sotelo Blanco, acompañado do antropólogo Manuel Mandianes, e Manuel Baltar acordaron que a Deputación xestione o traslado do Museo de Antropoloxía de Galicia, que xestiona a fundación, para que se expoñan con carácter permanente na provincia de Ourense, un espazo expositivo que, en palabras do propio Manuel Mandianes "será o mellor museo de Antropoloxía de España".

Baltar agradeceu a Sotelo Blanco este ofrecemento e ambos viron conveniente que este museo se sitúe na Ribeira Sacra, territorio para o que a Deputación de Ourense está a traballar co obxectivo de que sexa declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Baltar apuntou a posibilidade de Castro Caldelas, pois o goberno provincial xestiona coa Xunta de Galicia a cesión dos locais que albergaban as oficinas da sede comarcal. Técnicos da fundación e da Deputación avaliarán nos próximos días a idoneidade dese espazo para dedicalo a tal fin.

"Sen dúbida -dixo Manuel Baltar trala reunión celebrada hoxe no Pazo Provincial- o Museo de Antropoloxía en Ourense é unha gran noticia, pois Ourense historicamente destacou pola súa contribución á alma de Galicia e o peso dos seus costumes e tradicións relaciónase directamente co respecto obrigado que temos coa pegada dos nosos devanceiros e o legado que debemos deixar ás vindeiras xeracións".

Baltar e Sotelo Blanco abordaron tamén na reunión a posibilidade de poñer en marcha no futuro en Ourense o Museo Galego da Emigración. Manuel Baltar, que define a Ourense como un pobo "traballador, creativo e emigrante", asume este reto "como unha cuestión identitaria e un tributo á mellor xente de Ourense e Galicia, aos que foron capaces de construíren unha grande obra colectiva a milleiros de quilómetros do seu fogar".

O Centro BTT da Ribeira Sacra contará con rutas de 100 quilómetros para a práctica do ciclismo todo terreo

Nogueira de Ramuín, 1 de setembro de 2014.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou esta mañá o concello de Nogueira de Ramuín onde coñeceu de primeira man o proxecto "BTT Ribeira Sacra" que porán en marcha conxuntamente os concellos de Nogueira e Parada do Sil ao abeiro da orde de infraestruturas de uso público.

Alfonso Rueda que tamén estivo acompañado polo alcalde de Nogueira de Ramuín, José César Parente Pérez, destacou a aposta destes dous concellos por levar a cabo unha infraestrutura deportiva de grande interese, que fomenta hábitos saudables e que tamén contribúe a incrementar o turismo e ao disfrute respectuoso do medio ambiente.

O proxecto presentado por Nogueira e Parada consiste na posta en marcha dun centro BTT na Ribeira Sacra e conta cunha subvención de 40.000 euros. Estes centros BTT Galicia son un proxecto promovido por Turgalicia, para dotar á comunidade dunha rede para a práctica de ciclismo con bicicleta todo terreo. O centro BTT Ribeira Sacra contará cunha rede de rutas que duns 100 quilómetros, recorridos sinalizados, un punto de acollida con información turística e servizos para as bicicletas, zona de aparcamento e material sobre as rutas.

Orde de infraestruturas de uso público 2014

A orde de axudas para Infraestruturas de uso público é unha ferramenta que o Goberno galego pon á disposición dos concellos galegos para que estes poidan realizar actuacións que beneficien a todos os veciños; tales como proxectos de creación, adecuación ou rehabilitación de espazos públicos, prazas, rúas e vías públicas, paseos municipais e parques destinados á infancia.

Unhas axudas que este ano contan cunha dotación un 50 por cento superior ao ano pasado e que beneficiarán a máis de 70 concellos galegos, que poderán levar a cabo distintos proxectos que redundan directamente no benestar dos seus veciños. Este ano concedéronse un total de 68 subvencións, que chegan a 73 concellos.