Manuel Baltar amosa no Parlamento o apoio da Deputación de Ourense á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

  • Asistiu hoxe en Santiago ao encontro organizado polo Valedor do Pobo e a UIMP para referendar a candidatura e poñer en valor a defensa deste singular espazo natural.

Ourense, 15 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asistiu hoxe no Parlamento de Galicia ao encontro "A Ribeira Sacra: protección dunha paisaxe cultural candidata a Patrimonio Mundial", para referendar o apoio do goberno provincial ourensán a esta iniciativa que ten como obxectivo poñer en valor a singular paraxe da Ribeira Sacra.

O acto, organizado polo Valedor do Pobo e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), contou tamén coa presenza da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o conselleiro de Cultura e Educación da Xunta, Román Rodríguez; o Valedor do Pobo, José Julio Fernández, e o director en Galicia da UIMP, Domingo Bello Janeiro, amosando así o respaldo de todas as institucións presentes á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco.

Manuel Baltar afirma que toda Galicia "será Patrimonio Mundial cando recibamos este recoñecemento, porque se rende homenaxe aos que habitaron estas terras en perfecta sintonía coa riqueza paisaxística e monumental e se protexe un legado cultural que será motivo de orgullo para as vindeiras xeracións". O presidente ourensán destaca que o labor que se está a levar a cabo a prol deste recoñecemento "está presidido pola unanimidade, a profesionalidade e o rigor", e aínda que o camiño é longo "farémolo co acordo e o consenso de todos".

A Ribeira Sacra terá "o mellor museo de Antropoloxía de España", en palabras do antropólogo Manuel Mandianes

  • Olegario Sotelo Blanco ultima con Manuel Baltar as condicións e ubicación desta infraestrutura cultural.

Ourense, 12 de novembro de 2014.- O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, recibiu hoxe a Olegario Sotelo Blanco, presidente da fundación que leva o seu nome, para falar de proxectos culturais directamente relacionados coa Ourensanía. Sotelo Blanco, acompañado do antropólogo Manuel Mandianes, e Manuel Baltar acordaron que a Deputación xestione o traslado do Museo de Antropoloxía de Galicia, que xestiona a fundación, para que se expoñan con carácter permanente na provincia de Ourense, un espazo expositivo que, en palabras do propio Manuel Mandianes "será o mellor museo de Antropoloxía de España".

Baltar agradeceu a Sotelo Blanco este ofrecemento e ambos viron conveniente que este museo se sitúe na Ribeira Sacra, territorio para o que a Deputación de Ourense está a traballar co obxectivo de que sexa declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Baltar apuntou a posibilidade de Castro Caldelas, pois o goberno provincial xestiona coa Xunta de Galicia a cesión dos locais que albergaban as oficinas da sede comarcal. Técnicos da fundación e da Deputación avaliarán nos próximos días a idoneidade dese espazo para dedicalo a tal fin.

"Sen dúbida -dixo Manuel Baltar trala reunión celebrada hoxe no Pazo Provincial- o Museo de Antropoloxía en Ourense é unha gran noticia, pois Ourense historicamente destacou pola súa contribución á alma de Galicia e o peso dos seus costumes e tradicións relaciónase directamente co respecto obrigado que temos coa pegada dos nosos devanceiros e o legado que debemos deixar ás vindeiras xeracións".

Baltar e Sotelo Blanco abordaron tamén na reunión a posibilidade de poñer en marcha no futuro en Ourense o Museo Galego da Emigración. Manuel Baltar, que define a Ourense como un pobo "traballador, creativo e emigrante", asume este reto "como unha cuestión identitaria e un tributo á mellor xente de Ourense e Galicia, aos que foron capaces de construíren unha grande obra colectiva a milleiros de quilómetros do seu fogar".

O Centro BTT da Ribeira Sacra contará con rutas de 100 quilómetros para a práctica do ciclismo todo terreo

Nogueira de Ramuín, 1 de setembro de 2014.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou esta mañá o concello de Nogueira de Ramuín onde coñeceu de primeira man o proxecto "BTT Ribeira Sacra" que porán en marcha conxuntamente os concellos de Nogueira e Parada do Sil ao abeiro da orde de infraestruturas de uso público.

Alfonso Rueda que tamén estivo acompañado polo alcalde de Nogueira de Ramuín, José César Parente Pérez, destacou a aposta destes dous concellos por levar a cabo unha infraestrutura deportiva de grande interese, que fomenta hábitos saudables e que tamén contribúe a incrementar o turismo e ao disfrute respectuoso do medio ambiente.

O proxecto presentado por Nogueira e Parada consiste na posta en marcha dun centro BTT na Ribeira Sacra e conta cunha subvención de 40.000 euros. Estes centros BTT Galicia son un proxecto promovido por Turgalicia, para dotar á comunidade dunha rede para a práctica de ciclismo con bicicleta todo terreo. O centro BTT Ribeira Sacra contará cunha rede de rutas que duns 100 quilómetros, recorridos sinalizados, un punto de acollida con información turística e servizos para as bicicletas, zona de aparcamento e material sobre as rutas.

Orde de infraestruturas de uso público 2014

A orde de axudas para Infraestruturas de uso público é unha ferramenta que o Goberno galego pon á disposición dos concellos galegos para que estes poidan realizar actuacións que beneficien a todos os veciños; tales como proxectos de creación, adecuación ou rehabilitación de espazos públicos, prazas, rúas e vías públicas, paseos municipais e parques destinados á infancia.

Unhas axudas que este ano contan cunha dotación un 50 por cento superior ao ano pasado e que beneficiarán a máis de 70 concellos galegos, que poderán levar a cabo distintos proxectos que redundan directamente no benestar dos seus veciños. Este ano concedéronse un total de 68 subvencións, que chegan a 73 concellos.

As deputacións de Ourense e Lugo e o Valedor do Pobo asinan o convenio para o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

  • Manuel Baltar afirma que con esta distinción "toda Galicia será Patrimonio da Humanidade", "porque se rende homenaxe aos que habitaron estas terras en perfecta sintonía coa riqueza paisaxística e monumental, e se protexe un legado cultural que será motivo de orgullo para as vindeiras xeracións".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co titular da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e co Valedor do Pobo, Julio José Fernández, asinou hoxe na sede do Valedor do Pobo de Galicia, en Santiago de Compostela, o convenio de colaboración que as tres institucións subscriben para a consecución do recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. O convenio ten como obxectivo colaborar para desenvolver as actuacións necesarias que permitan presentar ante o Centro do Patrimonio Mundial da UNESCO a proposta de inscrición da Ribeira Sacra (Lugo e Ourense) para a súa declaración como Patrimonio Mundial.

Trala sinatura do convenio, Manuel Baltar afirmou que toda Galicia "será Patrimonio da Humanidade cando recibamos este recoñecemento, porque se rende homenaxe aos que habitaron estas terras en perfecta sintonía coa riqueza paisaxística e monumental e se protexe un legado cultural que será motivo de orgullo para as vindeiras xeracións". O presidente ourensán considera que o convenio que hoxe asinamos "reforza o compromiso de dúas provincias cun reto común" e que a comisión de seguimento do acordo asinado en Rocas, orixe desta andaina, "está a desenvolver os seus traballos de xeito modélico".

Baltar destaca que o labor que se está a levar a cabo nestes meses a prol deste recoñecemento "está presidido pola unanimidade, a profesionalidade e o rigor", e aínda que o camiño é longo "farémolo co acordo e o consenso como compañeiros da ilusión".

O Valedor do Pobo, pola súa banda, manifestou o seu compromiso de elaborar un informe técnico de posta en valor da Ribeira Sacra en Ourense e Lugo, da man dun grupo multidisciplinar de expertos, e co presente acordo as partes asumen o compromiso de continuar realizando as actuacións para a consecución do recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial.

Traballos técnicos

Os traballos técnicos serán desenvolvidos por expertos de recoñecido prestixio nas áreas temáticas de: Estudos sobre produción agrícola e formas de cultivo; Estudos sobre xeografía física; Estudos sobre edafoloxía; Estudos sobre botánica; Estudos sobre o patrimonio cultural (Historia, Historia da Arte, Arqueoloxía, Arquitectura e Antropoloxía); e Estudos sobre economía aplicada, e Estudos sobre produción vitivinícola.

Estes traballos conformarán o documento técnico que a Xunta de Galicia enviará ao Ministerio de Cultura para a súa presentación polo Reino de España -unha vez aprobada polo Consello do Patrimonio Histórico Español- ante o Centro de Patrimonio Mundial para que sexa avaliada polo Comité do Patrimonio Mundial.

A candidatura debe atender aos obxectivos de definir a delimitación do ben proposto e describilo, delinear a súa historia, e enunciar o seu significado e por que se acredita que demostra ter Valor Universal Excepcional potencial. Tamén deberá xustificar que o ben pode satisfacer un ou máis criterios dos recollidos no artigo 77 das directrices prácticas para a aplicación da Convención do Patrimonio Mundial sobre o valor Universal Excepcional, así como expor o seu estado de conservación.

Asemade, será necesario apuntar como a longo prazo o seu potencial Valor Universal Excepcional vai ser mantido e salvagardado por medio da protección legal e a xestión dos seus recursos que testemuñan o seu valor; cal será o proceso de xestión e o sistema a desenvolver, así como quen vai participar no mesmo. Cos resultados destes estudos o Valedor do Pobo elaborará un informe técnico de posta en valor da Ribeira Sacra en Ourense e Lugo.

En cumprimento do presente convenio as deputacións de Ourense e Lugo achegarán cada unha delas a cantidade máxima de 50.000 € e comprométense a tramitar os expedientes de contratación para a realización dos estudos. Pola súa banda, o Valedor do Pobo coordinará e dirixirá os traballos técnicos en colaboración coa Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, e realizará un informe de idoneidade para a contratación da realización dos traballos técnicos que permitan a presentación da candidatura da Ribeira Sacra para a súa declaración como Patrimonio Mundial.