O tren turístico Ruta do Viño Ribeira Sacra superou o 100% da oferta durante toda a tempada

Ourense, 26 de setembro de 2015.- Hoxe tivo lugar a última viaxe do tren turístico Ruta do Viño Ribeira Sacra enmarcado dentro do programa "Galicia a todo tren". Nesta viaxe estivo presente o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o xerente da Área Comercial e Servizo de Atención ao cliente de Renfe, Francisco Javier Díaz Trisac; e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez que fixeron un balance positivo desta actividade turística, pois superou o 100% da oferta durante toda a tempada.

Esta ruta esténdese polo territorio da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, unha vintena de municipios distribuídos entre o sur da provincia de Lugo e o noreste da provincia de Ourense. Parte de Ourense no tren turístico Aba Sacra, e os pasaxeiros teñen a oportunidade de coñecer a bodega Regina Viarum, de visitar o Centro de Interpretación do Viño, facer un percorrido en catamarán pola Ribeira Sacra, visita teatralizada ao Mosteiro de Santo Estevo e visita á estación Os Peares.

Ademais desta ruta Ribeira Sacra, os trens turísticos de Galicia contan con seis rutas máis: Faros, Rías Baixas, Monterrei, Valdeorras-Ribeira Sacra, O Ribeiro-Rías Baixas, e Pazos e xardíns históricos, que funcionan entre os meses de xuño e setembro.

Ourense e Lugo entregan á Xunta os informes técnicos para a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

  • No acto que tivo lugar hoxe no mosteiro de San Pedro de Rocas Manuel Baltar agradeceu ás institucións e ao equipo científico-técnico "a implicación, coherencia e consenso, que farán que chegue o recoñecemento para que a Ribeira Sacra sexa o que xa é: Patrimonio Mundial".

Ourense, 18 de xullo de 2015.- O mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos) acolleu hoxe o acto de entrega dos informes técnicos por parte das deputacións de Ourense e Lugo á Consellería de Cultura en relación á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. No acto participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o valedor do Pobo, José Julio Fernández, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, en representación da Deputación de Lugo, e o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez.

Manuel Baltar agradeceu a presenza de todas as institucións hoxe en San Pedro de Rocas "para dar entre todos un paso máis, coherente co que puxemos en marcha en setembro de 2013, cando tiven oportunidade de convocar aos alcaldes dos municipios ourensáns da Ribeira Sacra para anunciarlles que íamos relanzar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial". Baltar subliñou que esa coherencia tamén a amosou a Deputación de Lugo ao aprobar a mesma moción ca Deputación de Ourense coa unanimidade de todos os grupos políticos, e despois coa sintonía do goberno autonómico e do Valedor do Pobo ao coñecer que tiñamos interese en que este coordinara os traballos técnicos que xustificaran cientificamente a presentación da candidatura".

O presidente da Deputación pediu "máxima celeridade" á Xunta de Galicia "para que pronto poidamos celebrar esa distinción, que será un recoñecemento internacional de algo que para nós xa é patrimonio mundial, esta fermosa Ribeira Sacra. Hoxe estamos aquí, no mosteiro de San Pedro de Rocas, onde hai máis de 1.500 anos xa había vida intelixente e onde cada ano son máis de 40.000 os turistas que visitan este monumento, berce da Ribeira Sacra". Baltar remarcou que entre Ourense e Lugo non hai limites provinciais, "é un todo, un conxunto, e paga a pena todos os esforzos que empreguemos para acadar ese recoñecemento".

O presidente do goberno provincial agradeceu a implicación de todas as institucións e o labor do equipo multidisciplinar, "que puxo á nosa disposición o Valedor do Pobo, porque nesta tarefa estamos implicados ata o final", e lembrou que a vindeira semana reunirase a comisión entre concellos e deputacións para seguir coa Xunta de Galicia nesa andaina a prol do obxectivo último, e rematou pedindo que sigamos todos "con esa mesma coherencia e consenso porque esa unanimidade fará que chegue o recoñecemento para que a Ribeira Sacra sexa o que xa é: Patrimonio Mundial".

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura confirmou que o goberno autonómico "iniciará agora o camiño administrativo para conseguir o recoñecemento da Ribeira Sacra como ben da humanidade", "pois –dixo- estamos nunha contorna singular, tanto pola súa paisaxe como pola riqueza patrimonial, e que ten tamén unha fonda tradición de ocupación humana cunha das paisaxes construtivas máis diferenciadas do mundo, como é o traballo que fixeron os habitantes da Ribeira Sacra para adaptarse á natureza e cultivar a vide nas pendentes, construíndo un sistema de bancais que é practicamente único no mundo para colleitar un produto como o viño da Ribeira Sacra que conta con denominación de Orixe".

O Valedor do Pobo remarcou que é de xustiza "que a humanidade recoñeza o valor da Ribeira Sacra e tamén que o goce, porque a singularidade desta contorna así o merece". No mesmo senso, Juan Carlos Armesto dixo que a Ribeira Sacra "máis aló do seu patrimonio, a súa paisaxe e o seu viño ten un valor máis que engadir: a unidade, pois 21 concellos, dúas deputacións, empresarios e a cidadanía da contorna estamos xuntos neste proxecto para que a Unesco e o mundo nos outorguen ese galardón".

Solicitude de BIC

Trala entrega da memoria científica, o paso seguinte será a solicitude de expediente de Ben de Interese Cultural (BIC) por parte da Consellería de Cultura. Os traballos técnicos foron desenvolvidos por expertos nas áreas temáticas de: Produción agrícola e formas de cultivo; Xeografía física; Edafoloxía; Botánica; Patrimonio cultural (Historia, Historia da Arte, Arqueoloxía, Arquitectura e Antropoloxía); Economía aplicada e Produción vitivinícola. O documento enviarase agora ao Ministerio de Cultura para a súa presentación polo Reino de España -unha vez aprobada polo Consello do Patrimonio Histórico Español- ante o Centro de Patrimonio Mundial para que sexa avaliada polo Comité do Patrimonio Mundial.

A candidatura define, describe e delimita o ben proposto, ademais de delinear a súa historia e acreditar un valor universal excepcional, especificando neste caso como dito valor vaise manter e salvagardar por medio da protección legal e da xestión dos recursos que testemuñan o dito valor; cal será o proceso de xestión e o sistema a desenvolver, así como quen vai participar no mesmo.

Chega agora o momento de que a Xunta inicie o proceso para a declaración de BIC, trámite fundamental para que a solicitude se eleve ao Goberno do Estado para que sexa debatida na Unesco cando corresponda.

Manuel Baltar participa no acto de entrega dos informes técnicos da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

  • Destacou que con esta distinción "réndese homenaxe á historia, ás tradicións, á viticultura, ao patrimonio artístico e natural e aos que habitaron estas terras en perfecta sintonía coa riqueza paisaxística e monumental".

Ourense, 29 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na sede do Valedor do pobo en Santiago no acto de entrega dos informes técnicos para o expediente de declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. No acto tamén estiveron presentes o Valedor do Pobo, José Julio Fernández; o deputado lugués e presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, e a responsable de Área do Valedor do Pobo, Beatriz González.

Hoxe fíxose entrega da citada memoria científica e o paso seguinte será a solicitude de expediente BIC –asinada hoxe- por parte da Consellería de Cultura. Este proceso para chegar ate este informe, no que se detallan as especificidades e criterios técnicos que avalan a candidatura, deu comezo en xuño de 2014 cando as deputacións de Ourense e Lugo asinaron co Valedor do Pobo un convenio de colaboración para que este coordinase un equipo académico multidisciplinar co obxectivo de elaborar a memoria científica que se xuntará á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial diante da Unesco.

Manuel Baltar dixo que toda Galicia "será Patrimonio Mundial cando recibamos este recoñecemento, porque con esta distinción réndese homenaxe á historia, ás tradicións, á viticultura, ao patrimonio artístico e natural e por suposto aos que habitaron estas terras en perfecta sintonía coa riqueza paisaxística e monumental", engadindo que con esta nominación "protéxese un legado cultural que será motivo de orgullo para as vindeiras xeracións".

O presidente do goberno provincial explicou que precisamente, nestes días "o Comité de Patrimonio Mundial da Unesco está a analizar as propostas xa presentadas, unha das cales (o Camiño Norte) afecta a Galicia", e lembrou que o país "con máis bens Patrimonio da Humanidade é Italia, con 50, seguido de China con 47, e en terceiro lugar está España, con 44, un número moi destacado e significativo tendo en conta que países como Estados Unidos ou Australia teñen 22 e 19, respectivamente".

Traballos técnicos

Os traballos técnicos foron desenvolvidos por expertos nas áreas temáticas de: Produción agrícola e formas de cultivo; Xeografía física; Edafoloxía; Botánica; Patrimonio cultural (Historia, Historia da Arte, Arqueoloxía, Arquitectura e Antropoloxía); Economía aplicada e Produción vitivinícola. O documento enviarase agora ao Ministerio de Cultura para a súa presentación polo Reino de España -unha vez aprobada polo Consello do Patrimonio Histórico Español- ante o Centro de Patrimonio Mundial para que sexa avaliada polo Comité do Patrimonio Mundial.

A candidatura define, describe e delimita o ben proposto, ademais de delinear a súa historia e acreditar un valor universal excepcional, especificando neste caso como dito valor vaise manter e salvagardar por medio da protección legal e da xestión dos recursos que testemuñan o dito valor; cal será o proceso de xestión e o sistema a desenvolver, así como quen vai participar no mesmo.

O proceso que se está a desenvolver para acadar a certificación da Unesco xurdiu en setembro de 2013 cando Manuel Baltar convocou aos alcaldes da provincia de Ourense dos concellos integrados na Ribeira Sacra para expoñerlles como presidente do goberno provincial a súa decisión de reactivar o proceso para acadar o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. Nesa xuntanza, Manuel Baltar acadou a unanimidade dos alcaldes e, de seguido, presentou unha moción no pleno da corporación provincial e falou co presidente da Deputación de Lugo para que o ente lucense se sumase á iniciativa, como así fixo.

Deste modo, en decembro de 2014, no Mosteiro de San Pedro de Rocas, asinouse un convenio de colaboración entre as dúas deputacións, o Valedor do Pobo e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia para iniciar todos xuntos a andaina a prol da distinción da Unesco.

Dende entón, o comité designado con representantes dos concellos e das deputacións fixo o seu traballo ao igual que o equipo científico e técnico, e agora chega o momento de que a Xunta inicie o proceso para a declaración de BIC, trámite fundamental para que a solicitude se eleve ao Goberno do Estado para que sexa debatida na Unesco cando corresponda.

Manuel Baltar amosa no Parlamento o apoio da Deputación de Ourense á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

  • Asistiu hoxe en Santiago ao encontro organizado polo Valedor do Pobo e a UIMP para referendar a candidatura e poñer en valor a defensa deste singular espazo natural.

Ourense, 15 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asistiu hoxe no Parlamento de Galicia ao encontro "A Ribeira Sacra: protección dunha paisaxe cultural candidata a Patrimonio Mundial", para referendar o apoio do goberno provincial ourensán a esta iniciativa que ten como obxectivo poñer en valor a singular paraxe da Ribeira Sacra.

O acto, organizado polo Valedor do Pobo e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), contou tamén coa presenza da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o conselleiro de Cultura e Educación da Xunta, Román Rodríguez; o Valedor do Pobo, José Julio Fernández, e o director en Galicia da UIMP, Domingo Bello Janeiro, amosando así o respaldo de todas as institucións presentes á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco.

Manuel Baltar afirma que toda Galicia "será Patrimonio Mundial cando recibamos este recoñecemento, porque se rende homenaxe aos que habitaron estas terras en perfecta sintonía coa riqueza paisaxística e monumental e se protexe un legado cultural que será motivo de orgullo para as vindeiras xeracións". O presidente ourensán destaca que o labor que se está a levar a cabo a prol deste recoñecemento "está presidido pola unanimidade, a profesionalidade e o rigor", e aínda que o camiño é longo "farémolo co acordo e o consenso de todos".