César Fernández destaca a “gran aposta pola cultura” da Deputación na entrega do VII Premio Rodolfo Prada á xestión cultural de 2024, con 10.000 euros en galardóns

Compartir

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, cualificou os proxectos gañadores como un “mosaico das iniciativas culturais que xorden por toda Galicia

Os principais recoñecementos foron para o Festival de Jazz Primavera do Café Latino, a asociación cultural Telón e Aparte e o certame de poesía do Concello de Carral 

Ourense, 1 de abril de 2025.

O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, puxo en valor a aposta da Deputación de Ourense pola cultura durante o acto de entrega esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel dos VII Premios Rodolfo Prada á xestión cultural 2024, organizados pola institución provincial, no que tamén participou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

César Fernández tamén destacou a figura do “insigne intelectual ourensán” que lle dá nome a estes galardóns, que pretenden recoñecer o labor dos xestores cultura en Galicia ou fóra, pero con claras referencias á cultura galega.

Anxo Lorenzo, pola súa banda, cualificou os proxectos gañadores como un “mosaico das iniciativas que xorden por toda Galicia”. Para o director xeral de Cultura, estes galardóns son un “moi bo exemplo da diversidade e potencia do bo facer no país en moitísimos ámbitos, públicos e tamén privados”.

O asesor de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez, foi o encargado de chamar aos premiados, comezando polo primeiro premio, para profesionais culturais, dotado con 3.000 euros, a Eduardo Rodríguez, organizador do Festival de Jazz Primavera do Café Latino, ciclo de referencia na cidade para os amantes deste estilo musical.