Manuel Baltar asume a presidencia dos consorcios de incendios da Limia e Verín
- Prevese que o Consorcio Provincial de Incendios comece a funcionar en xaneiro de 2014.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asume dende hoxe a presidencia dos consorcios de incendios da Limia (que agrupa a 11 concellos) e de Verín (8 concellos), o que supón un paso importante cara a constitución do Consorcio Provincial de Incendios de Ourense, que prevé comezar a funcionar en xaneiro de 2014.
Esta iniciativa, contemplada no Plan de xestión e estratexia operativa 2012-2015 da Deputación de Ourense, OURENSE 92, ten como obxectivo mellorar a coordinación dos equipos de incendios que actúan nas diferentes comarcas da provincia de Ourense, que prestan apoio e colaboración en sinistros, accidentes e situacións de emerxencias relacionadas cos lumes.
Na reunión mantida o pasado 10 de xuño co presidente da Xunta, Manuel Baltar e Alberto Núñez Feijoo analizaron este tema, e no pleno da institución provincial do pasado mes de xuño o presidente da Deputación de Ourense foi designado representante en todos os consorcios comarcais. Tamén, días pasados, Manuel Baltar reuniuse co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para ultimar os detalles da posta en marcha do consorcio provincial, tendo como horizonte xaneiro de 2014.
Precisamente, a Deputación de Ourense está a impulsar a coordinación dos consorcios dos parques de bombeiros da provincia para mellorar a súa xestión tanto administrativa como técnica e de intervención, a través da unificación deste entes no Consorcio Provincial de Incendios. "Esta unidade de acción permitirá incrementar a eficacia na xestión integral, redimensionar custes e mellorar a coordinación de actuacións, o que todos temos que impulsar e apoiar porque estamos a falar de seguridade das persoas e do medio ambiente", afirma Manuel Baltar.
A Deputación de Ourense é parte fundamental no desenvolvemento destas unidades de bombeiros (en Xinzo, Verín, Valdeorras e no futuro o do Carballiño). Cofinancia o seu funcionamento cun total de 848.000 euros, o que supón o 37,5 % do orzamento destes consorcios.