A obra do pintor Francisco Bahón chega por primeira vez a Galicia da man do Centro Cultural da Deputación

Compartir

A obra pictórica de Francisco Bahón chega por primeira vez a Galicia da man do Centro Cultural da Deputación de Ourense. A mostra, denominada “Á segunda vai a vencida”, que hoxe ás 20.15 horas preséntase no espazo expositivo ourensán consta de 11 pezas de medio e gran tamaño, caracterizadas todas elas “pola gran enerxía do abstracto” como as definíu o director do Centro Cultural, Francisco González, na presentación esta mañá aos medios informativos da exposición e do catálogo.

Francisco González dixo que Bahón “é un artista en plena madurez, que aglutina na súa obra experiencia, gran calidade, un coidado trato da cor, pero sobre todo que desborda enerxía en cada obra, destacando por riba de todo a súa coherencia pictórica e intelectual, sen facer seguidismo de ningunha tendencia”.
O acto de presentación contou tamén coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen destacou que así como Ourense “é porta xeográfica de entrada a Galicia de infraestruturas e servizos, tamén o é hoxe para acoller a pintura deste gran mestre da cor como é Francisco Bahón”.
Pola súa banda, o autor destacou que o proceso creativo “ten que pasar polas fases de devorar o que xa fixemos, dixerilo e expulsalo en forma de nova obra, así se pode evoluír e progresar na creación”. Bahón destacou que esta exposición que desde hoxe a tarde se pode contemplar no Centro Cultural da Deputación de Ourense “consta de 5 series entre as que non existe convivencia, senón que se establece entre as obras unha dialéctica para que sexa todo o conxunto quen comunique ao espectador”.