A Deputación de Ourense utiliza enerxía xeotérmica e solar para reducir as emisións de CO2

Compartir

Un novidoso proxecto de aproveitamento enerxético permite xerar a calefacción do Pavillón dos Deportes Paco Paz con enerxías 100% renovables. A iniciativa enmárcase no proxecto europeo CLIMATLÁNTIC, que o vindeiro 25 e 26 de xuño celebra na Coruña un congreso sobre “Cooperación intelixente”.

Máis enerxía solar, menos CO2. Ese é o obxectivo dun novidoso proxecto desenvolvido pola Deputación de Ourense que consiste no aproveitamento da enerxía xeotérmica para producir calefacción xerada 100% con enerxías renovables. Esta iniciativa, enmarcada no proxecto europeo CLIMATLÁNTIC, no que participan entidades de España, Francia, Irlanda, Reino Unido e Portugal, permite que na actualidade o Pavillón de Deportes “Paco Paz”, da Deputación de Ourense, sexa 100% sostible no que atinxe ao sistema de calefacción, eliminando así as emisións de CO2 utilizando principalmente enerxía xeotérmica e solar.

Para analizar este e outros proxectos pioneiros en materia medioambiental, así como as novas políticas financieiras da Unión Europea para o novo período de programación, os vindeiros 25 e 26 de xuño terá lugar na Coruña un congreso europeo sobre “Cooperación intelixente”. Na xuntanza presentaranse os resultados de proxecto CLIMATLÁNTIC e estudaranse as liñas de cooperación da que será a futura política do “Espazo Atlántico”, no que se atopa Galicia. O congreso está organizado pola CECIN (Conferencia de Redes Europeas Transfronteirizas e Interrexionais de Cidades) e chega nun momento decisivo no que se están discutindo as regras de xogo tanto políticas como financieiras para o próximo período de programación.

A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación, tivo unha participación destacada no proxecto CLIMATLÁNTIC coa execución do proxecto piloto realizado no pavillón dos deportes “Paco Paz” para o aproveitamento da enerxía xeotérmica, un proxecto que contou cun cofinanciamento do 65% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O proxecto CLIMATLÁNTIC forma parte da estratexia posta en marcha pola Deputación de Ourense por acadar un “Ourense máis ecolóxico e sostible”, para o cal se están a poñer en marcha proxectos en diferentes ámbitos como o forestal, a xestión de residuos, o saneamento ou o ciclo completo da auga, que teñen como obxectivo mellorar a eficiencia, reducir custos e ofrecer aos cidadáns servizos coa máxima excelencia medioambiental, algo no que a Deputación de Ourense está a ser un referente de ámbito nacional.

Neste senso, a Deputación de Ourense está a estudar a creación da “Rede ourensá de municipios cara á sostenibilidade”, un proxecto que afonda na idea de eficacia e sostenibildiade e que ten como obxectivo “converter á provincia de Ourense nun exemplo de coordinación municipal en todo o que atinxe ao medio ambiente”, afirma o presidente provincial, Manuel Baltar. Esta rede ourensá de municipios sostibles tería ámbito provincial e estaría constituída por concellos interesados en poñer en marcha iniciativas de desenvolvemento sostible que aporten solucións aos problemas ecolóxicos e medioambientais que afectan ao ámbito municipal.

Entre os proxectos novidosos que está a presentar a Deputación de Ourense no ámbito medioambiental figura o que recentemente se presentou en Xinzo de Limia sobre a optimización da recollida de residuos domésticos, unha iniciativa que permite analizar todo o proceso de tratamento dos residuos, desde a recollida, o transporte, o tipo de residuo, as rutas dos camións, os puntos de recollida, os contedores, o material recollido e o tratamento, para ter todos os datos que permitan optimizar os custes e mellorar a calidade no servizo de recollida dos residuos.

Este proxecto pretende “baixar ata o detalle” en todos os aspectos que atinxen o proceso de recollida de residuos, analizando incluso o grao de enchido dos contedores, a porcentaxe de lixo que cae fóra do mesmo, a presenza de malos olores, os residuos en ruta, o estado dos contedores e dos camións, e tamén contempla recoller as queixas, suxestións e reclamacións que poidan facer os cidadáns ao respecto deste servizo, sempre coa finalidade de seguir mellorando o mesmo e facelo máis eficaz e rendible.