A Deputación de Ourense estuda crear co Colexio de Avogados a oficina provincial de intermediación hipotecaria

Compartir

O obxectivo é facilitar aos cidadáns asesoramento, información e apoio nas xestións hipotecarias. Manuel Baltar e o decano dos avogados de Ourense analizaron na xuntanza de hoxe temas como as taxas xudiciais, o novo edificio xudicial de Ourense e a redistribución dos partidos xudiciais.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do decano dos avogados de Ourense, Arturo González, mantiveron hoxe unha reunión no Pazo Provincial na estudaron a posta en marcha da oficina provincial de asesoramento e intermediación hipotecaria, un servizo que prestaría asistencia xurídica a persoas e familias que están a ter problemas co pago da súa hipoteca.


A Oficina provincial de intermediación hipotecaria ten a finalidade de auxiliar ás familias da provincia de Ourense que estean en risco de perder a súa vivenda por falta de pagamento das cotas da súa hipoteca, e para elo realizará funcións de asesoramento e mediación coas entidades bancarias para tentar conseguir o refinanciamento da débeda, unha quito ou período de carencia, a dación en pago ou, en suma, calquera outra solución que impida o desaloxo da vivenda.
Para favorecer a rapidez dos trámites, a Deputación de Ourense poría a disposición dos interesados un formulario para descargar da páxina web da institución provincial, documento no que os usuarios deberán facer constar os seus datos e dar conta da súa problemática específica no que atinxe a súa hipoteca.
A oficina de intermediación hipotecaria iría dirixida a persoas, familias ou unidades de convivencia, empadroadas en calquera municipio da provincia de Ourense que poidan verse afectados por calquera situación de risco residencial e que poidan derivar en execucións hipotecarias ou que se atopen inmersas xa en procedementos das citadas execucións hipotecarias.
Outros obxectivos da oficina son informar aos cidadáns sobre os procedementos que hai que realizar antes (ou mesmo no comezo) da situación de impago da hipoteca, e atopar solucións acordadas entre o deudor e a entidades para aquelas situacións con perspectivas e que, con algúns cambios, permitan evitar a execución hipotecaria.
Na reunión, Manuel Baltar e Arturo González tamén analizaron temas relativos ás taxas dos procedementos xudiciais, á situación do novo edificio xudicial de Ourense, e á proposta do Consello Xeral do Poder Xudicial sobre a nova planta xudicial que afectaría á redistribución dos partidos xudiciais da provincia de Ourense.