A festa do pulpo do Carballiño promocionase en 1,5 millóns de botellas de viño
“Pazo Ribeiro” promocionará nas súas botellas da colleita de 2011 a tradicional Festa do Pulpo do Carballiño, para o que nas contraetiquetas dos seus envases (1,5 millóns) incluirá información desta festa declarada de interese turístico. Dende o Carballiño buscan fórmulas para que a celebración dure unha semana. Ambas iniciativas foron presentadas hoxe no Centro Cultural da Deputación.
A colaboración de “Pazo Ribeiro” con esta iniciativa cuantificase en 1,5 millóns de botellas, que supoñen a súa comercialización de viño blanco e tinto con esta marca. Igualmente, tamén se promocionará en caixas con tres ou seis botellas, que irán serigrafiadas con anagramas da festa do pulpo e do seu 50 aniversario e incluirán unha receta de pulpo á feira e un prato tradicional de madeira. A promoción complétase con outras 30.000 fichas que falan da tradición do pulpo na vila do Carballiño e con sorteos de entradas en grandes superficies e supermercados para a comida no recinto da festa, o segundo domingo de agosto.
O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, fixo especial referencia á colaboración entre o concello e esta iniciativa privada de difusión desta festa ao longo de todo o territorio nacional, así como do maridaxe entre viño e pulpo e entre as comarcas do Carballiño e do Ribeiro, tan próximas e tan complementarias.
Entre as novidades para o presente ano, Marnotes anunciou que agardan conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional e que están traballando en fórmulas para alongar a celebración a unha semana, co desexo de que “se coñeza como a semana da festa do pulpo e non limitarse a un único día de celebración”.
Argimiro Levoso, xerente da Vitivinícola do Ribeiro, tamén incidíu nas bondades desta colaboración e na gran proxección conseguida polo pulpo á feira, “receta que hoxe é popularmente tan coñecida como a tortilla ou a paella”.
Pazo Ribeiro será este ano o viño oficial da festa do pulpo, na que se concentran unhas 75.000 persoas que consumen máis de 40.000 quilos de pulpo no parque do Carballiño.