Nova depuradora en Loña do Monte e entrega de vivendas de protección pública en Nogueira de Ramuín

Compartir

 O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, visitou hoxe o concello de Nogueira de Ramuín, onde asistiu á posta en servizo dunha estación depuradora e fixo entrega de sete vivendas de promoción pública, actos nos que estivo acompañado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o alcalde, José César Parente, e o delegado territorial, Rogelio Martínez.

Hernández destacou que o departamento que dirixe leva investido preto de 23 millóns de euros para executar 206 vivendas na provincia de Ourense. O conselleiro fixo este balance de investimento da consellería durante a entrega de 7 vivendas de promoción pública en Nogueira de Ramuín e a posta en servizo da estación depuradora de Loña do Monte. A estación depuradora contou cunha achega económica de máis de 235.000 euros por parte da Xunta, e dará servizo aos núcleos de Loña do Monte, Requeixo e As Raposas.

A nova depuradora dispón dun mecanismo de desareado, eliminación química do fósforo, recirculación de lodos e decantación secundaria. Como unidades complementarias, o proxecto incluíu un camiño de acceso á EDAR, a liña eléctrica, un colector de conexión coa depuradora existente e un emisario.

O responsable de Medio Ambiente destacou que incluída esta estación, xa suman 12,3 millóns de euros os investimentos da Xunta de Galicia, só na comarca de Ourense, para mellorar a calidade das súas augas. Así, cómpre destacar instalacións como a de saneamento da Peroxa, de Esgos ou de Santa Marta, en Pereiro de Aguiar. No seguinte plano detállase o funcionamento desta infraestrutura hidráulica posta en servizo hoxe.