Gaiteiros de Galicia, Bretaña, Bélxica e Italia reúnense no Castelo de Monterrei

Compartir

A XXVII edición da Xuntanza Internacional de Gaiteiros, unha das citas máis importantes do mundo da gaita, presentouse hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, e mailo director da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda de Gaitas, Xosé Lois Foxo, presentaron hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense a "XXVII edición da Xuntanza Internacional de Gaiteiros", unha das citas máis importantes de cantas se celebran no mundo da gaita, e que terá lugar no Castelo de Monterrei (Ourense) o vindeiro sábado, 16 de xuño.

Nesta edición participan gaiteiros e grupos de Galicia, Asturias, Zamora, Bélxica, Italia e da Bretaña francesa, quen ademais de dar a coñecer as últimas novidades no eido da gaita dende o punto de vista didáctico e científico, intervirán nun gran concerto de máis de tres horas de duración onde se poderán escoitar diferentes estilos, sons e composicións musicais de diferentes países.

Manuel Baltar dixo na presentación que se algunha persoa soubo "enaltecer o instrumento da gaita en Galicia esa foi Xosé Lois Foxo, quen puxo en marcha hai 27 anos este certame, xunto coa Escola Provincial de Gaitas e a Real Banda", e engadiu que divulgar as excelencias da gaita "é divulgar Ourense, Galicia e, por extensión, a nosa cultura".

Baltar propúxolle Foxo a composición do Himno da Provincia de Ourense, para que sexa el quen o compoña, "o cal sería unha mostra sinalada para seguir elevando a calidade, a tradición e a importancia do noso instrumento musical máis senlleiro".

Pola súa banda, Xosé Lois Foxo dixo que a xuntanza internacional "é unha maneira de seguir dignificando a gaita e aos gaiteiros, para quen sempre estaremos facendo unha homenaxe permanente", e engadiu que o traballo desenvolvido ao longo destas case tres décadas en Ourense "serviu para conectar á xuventude coa gaita e coas nosas tradicións musicais, ademais de investigar e afondar no coñecemento e na transmisión dos valores musicais e etnográficos que rodean a este instrumento".

A Xuntanza Internacional de Gaiteiros terá lugar o vindeiro sábado, 16 de xuño, a partires das seis da tarde, na fermosa contorna do Castelo de Monterrei. Previamente, o venres 15 haberá unha conferencia na Escola Provincial de Gaitas, na que se presentará o libro "Les gaites", a cargo de Daniel García de la Cuesta; e o propio sábado pola mañá, antes do concerto da tarde, impartiranse outros dous relatorios sobre "Didgeridoo en Australia, a cargo de Tomás Carro, e sobre "A musette barroca", a cargo de Jean Pierre Van Hess. Como actividade paralela haberá unha exposición de bibliografía e discografía e instrumentos populares a cargo do obradoiro "Os Alegres".

No acto de presentación da xuntanza actuaron o gaiteiro Marco Foxo e as cantareiras da Real Banda de Gaitas, quen interpretaron dúas pezas tradicionais ao comezo e ao remate do acto, xunto a dúas pezas do século XVII, pertencentes á colección do Museo da Cornamusa, que foron exhibidas diante do medios de comunicación.