O xornalista Xosé Lois Rúa, medalla de ouro da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense
A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense entregará mañá sábado, ás 20.00 horas, no Castelo de Monterrei, a medalla de ouro desta formación musical ao xornalista ourensán da Radio Galega Xosé Lois Rúa, no decurso da celebración da XXVII Xuntanza Internacional de Gaiteiros. Con este galardón a Real Banda de Gaitas recoñece o labor realizado por Xosé Lois Rúa como informador e difusor da música galega, especialmente no que atinxe ao ámbito da gaita e a súa importancia histórica, cultural e musical en Ourense e no resto de Galicia. Nesta liña de recoñecementos ao mundo da información, a Real Banda de Gaitas outorgou noutras ocasións similares distincións aos xornalistas Luís Rial e Rafael Cid.
O programa da XXVII edición da Xuntanza Internacional de Gaiteiros -unha das citas máis importantes do mundo da gaita- coordinado por Xosé Lois Foxo, director da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda, inclúe este ano a participación de gaiteiros e grupos de Galicia, Asturias, Zamora, Bélxica, Italia e da Bretaña francesa, quen ademais de dar a coñecer as últimas novidades no eido da gaita dende o punto de vista didáctico e científico, intervirán nun gran concerto de máis de tres horas de duración no Castelo de Monterrei onde se poderán escoitar diferentes estilos, sons e composicións musicais de diferentes países.
As actividades da Xuntanza Internacional de Gaiteiros comeza hoxe venres cunha conferencia na Escola Provincial de Gaitas, na que se presenta o libro "Les gaites", a cargo de Daniel García de la Cuesta; e mañá sábado pola mañá, antes do concerto da tarde, impartiranse outros dous relatorios sobre "Didgeridoo en Australia, a cargo de Tomás Carro, e sobre "A musette barroca", a cargo de Jean Pierre Van Hess. Como actividade paralela pode visitarse una exposición de bibliografía e discografía e instrumentos populares a cargo do obradoiro "Os Alegres".