Manuel Baltar, elixido presidente da Fundación Julio Prieto Nespereira

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi elixido hoxe novo presidente da Fundación Julio Prieto Nespereira, cargo que asume tralo pasamento da anterior presidenta, Esther Gloria Prieto Alcaraz, filla do insigne gravador e pintor ourensán.

Así o acordaron hoxe os membros do padroado da fundación, entre os que figura a Deputación de Ourense, o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, cuxos representantes reuníronse no Pazo provincial para elixir e certificar o cambio de titularidade na presidencia da fundación.

A Fundación Julio Prieto Nespereira ten como obxectivo a protección, divulgación e estudo da obra deste senlleiro artista ourensán, así como a conservación do seu patrimonio cultural e artístico para garantir a súa permanencia no tempo. Ademais de exposicións itinerantes, simposios e diversas actividades para divulgar a obra de Prieto Nespereira, a fundación quere promover a creación dun museo en Ourense e o fomento do estudo do gravado, coa creación de bolsas e colaboracións que permitan impulsar o coñecemento desta disciplina artística.