A Xunta e as catro deputacións galegas asinan un protocolo de cooperación

Compartir

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e os presidentes das catro deputacións galegas asinaron hoxe en Santiago un protocolo para unha mellor cooperación territorial, no que se fixan os acordos básicos para fortalecer a xestión, reducir as duplicidades e optimizar a prestación de servizos aos cidadáns.

Núñez Feijoo agradeceu que se acadara este acordó para ter unha "axenda común" de colaboración, a afirmou que unha das posibles causas da crise económica é a "falta de cooperación" así como "certa tendencia autárquica" que, na súa opinión, se instalou nas administracións na época de bonanza. Asemade, dixo que España "demostrou que sabe cooperar en períodos difíciles, como o da transición" e engadiu que este protocolo asinado hoxe "é pioneiro e proba a evolución do país nos últimos anos".

Pola súa banda, Manuel Baltar cualificou de "acordo histórico" o acadado hoxe e proclamou "máis ca nunca, e nun escenario como o actual" que a palabra clave para todos "é a de cooperación", e salientou que estamos "na era da intermunicipalidade", defendendo a "fusión de facto" de servizos para mellorar a atención aos nosos cidadáns.

O presidente da Deputación de Ourense subliñou que nesta etapa "de urxente recuperación" hai que poñer en marcha iniciativas eficaces e efectivas, e citou como exemplo o Plan OURENSE 92, que presentou días pasados, e que contempla un total de 43 medidas que a Deputación de Ourense desenvolverá en 34 (os que restan ata as vindeiras eleccións municipais), entre 2012 e 2015, para mellorar a xestión, reducir o gasto "e facer máis con menos, nunha etapa na que hai que priorizar as prioridades". Manuel Baltar concluíu afirmando que a palabra cooperación debe presidir a nosa xestión, "por riba dos intereses políticos, porque o verdadeiro interese que nos ten que mover é Galicia e os seus cidadáns".