A Deputación de Ourense presenta un plan para axudar á internacionalización de empresas e emprededores
Manuel Baltar asinou un protocolo de colaboración cos presidentes da Asociación de empresarios do Polígono de San Cibrao e dos parques empresariais de Pereiro de Aguiar e Barreiros.
A través do Inorde porá en marcha accións para promover as exportacións, a realización de misións inversas de países da UE , recabará apoio das oficinas exteriores da Xunta e do Igape e creará sinerxias coa CEO e a Cámara de Comercio
Esta iniciativa forma parte do Plan de xestión e estratexia operativa da Deputación Provincial "OURENSE 92"
Ourense, 29 de xuño de 2012.- O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu esta tarde a presentación do proxecto de Internacionalización de empresas que porá en marcha a Deputación de Ourense a través do Inorde co obxectivo de apoiar actuacións en materia de promoción da internacionalización das empresas pertencentes ao Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, Parque Tecnolóxico, e dos parques empresariais de Barreiros e Pereiro de Aguiar. No acto, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e os presidentes destes entes empresariais asinaron un protocolo de colaboración para levar a cabo as accións de asesoramento e apoio técnico para a realización deste programa.
Este proxecto de Internacionalización de empresas supón, en palabras de Manuel Baltar, "un pulo importante para que emprendedores e empresarios ourensáns poidan explorar novos mercados, nuns momentos críticos pero nos que tamén hai que saber aproveitar as oportunidades". Unhas oportunidades que pasan –afirma Baltar- "por dinamizar as iniciativas empresariais locais coa busca de novos nichos de actividade, e sobre todo, nun momento onde a cooperación entre os emprendedores, as empresas e as administración é fulcral para fortalecer a nosa competitividade".
O proxecto, enmarcado no Plan OURENSE 92 recentemente presentado polo presidente provincial, contempla para o periodo 2012-2013 a realización das accións como a creación da páxina web: "OURENSE Exporta" que dará acceso ás distintas páxinas e catálogos das empresas adheridas, e que terá versión español-inglés e outras versións que os mercados demanden, e a creación dun código QR en conexión coa web: "OURENSE Exporta" para acceder on-line ao directorio das empresas exportadoras en cualquera país a través do móbil.
Asemade, o programa inclúe o asesoramento técnico para ás empresas no deseño dos seus produtos e servizos para a exportación, e a busca de mercados, de forma consensuada, para captar as misións inversas. Tamén contempla o programa recabar o apoio das oficinas exteriores da Xunta de Galicia e do propio Igape para levar a cabo estas acción, e crear sinerxias coa Cámara de Comercio e a Confederación de Empresarios de Ourense.
Outro dos aspectos importantes do Proxecto de Internacionalización de Empresas é a preparación para este próximo outono dunha misión inversa de países da Unión Europea non adheridos á zona euro, que teñen un potencial de 100 millóns de consumidores e 172.000 millóns de euros de aportación comunitaria. Precisamente, a primeira misión centrarase en Polonia, Romanía e Bulgaria, en concreto, nos produtos e sectores con máis demanda nestes países.
Baltar afirma que "unión, xestión e decisión" "son tres palabras que nestes momentos debemos ter moi en conta para sermos máis eficaces e acadar mellores logros empresariais".
Emprego e empresas
Entre os anos 2000 e 2010 o Inorde, co seu programa de axudas para a adquisición de solo empresarial, propiciou a implantación de novas empresas; o traslado ós parques empresariais doutras xa existentes, e a ordenación territorial do solo empresarial así como a creación de case 2.000 novos postos de traballo e de 232 empresas en parques empresariais de promoción pública na provincia de Ourense.
A importancia que para o emprego na provincia ten o Polígono de San Cibrao, o Parque Tecnolóxico e os parques empresariais de Pereiro de Aguiar e Barreiros reflíctese no número de traballadores e empresas radicados neles: 9.500 empregos directos e 460 empresas, una cifra que se incrementa notablemente ao sumar as empresas auxiliares e os traballadores indirectos.
Ante o descenso do consumo interno e as carencias de financiamento, motivadas pola crise, as empresas demandan agora un novo eixo estratéxico como é a internacionalización. Por elo, o Programa de Internacionalización de Empresas é froito do resultado de encontros con empresas e asociacións de empresarios, completado cun labor técnico que permitiu coordinar este proxecto.
No marco deste proxecto, logo de identificar as posibilidades de acceso a mercados exteriores, estanse a deseñar misións comerciais inversas que permitirán a presentación dos produtos e servizos das empresas aos seus potenciais clientes exteriores, ao que seguirá un programa de apoio ás relacións comerciais que se establezan, en coordinación cos organismos con competencias e funcións neses ámbitos: Cámara de Comercio, CEO e Igape.
O Proxecto de Internacionalización de Empresas executarase en varias fases entre 2012 e 2015, e forma parte do Plan de Estratexia operativa OURENSE 92 da Deputación Provincial, que nos próximos 33 meses vai poñer en marcha 43 iniciativas para seguir mellorando a xestión e a eficacia do ente provincial, e, por extensión, contribuíndo a potenciar a competitividade da provincia de Ourense.
As accións do proxecto abranguen inicialmente ao Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas e o Parque Tecnolóxico de Galicia, e os Parques Empresariais de Pereiro de Aguiar e Barrreiros, e para levalas a cabo elaborouse un catálogo de empresas con perspectivas de internacionalización.
A posta en marcha formal do proxecto tivo lugar hoxe coa sinatura entre Manuel Baltar e os presidentes da Asociación de empresarios do Polígono de San Cibrao e os parques empresariais de Pereiro de Aguiar e Barreiros dun protocolo de colaboración segundo o cal a Deputación de Ourense, a través do Inorde, comprométese a apoiar as actuacións en materia de promoción da internacionalización das empresas ourensáns.
Coa presentación deste proxecto complétanse as catro accións previstas no cronograma do Plan OURENSE 92 para o mes de xuño.