A Deputación de Ourense convoca o "X Premio Pura e Dora Vázquez de narración e ilustración infantil e xuvenil"

Compartir

A Deputación de Ourense ven de convocar o "X Premio Pura e Dora Vázquez de narración e ilustración infantil e xuvenil", dotado con 3.000 euros para as dúas modalidades, un certame que quere recoñecer a calidade literaria e artística de traballos creados para nenos e xóvenes.

Poderán concorrer a este premio todos aqueles autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega. Os textos presentados han de ser inéditos e totalmente orixinais. As bases do premio especifican que de cada orixinal presentaranse seis copias, en papel tamaño folio ou en holandesa, mecanografados a dobre espazo e só por unha cara, antes do día 12 de setembro de 2012, no Rexistro Xeral da Deputación de Ourense. Co orixinal, que se presentará baixo lema, achegaranse, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor, así como o título do libro, indicando no sobre: "Para o X Premio Pura e Dora Vázquez". Para esta modalidade de narración establécese un premio de 1.500 euros.

O xurado estará composto polo presidente da Deputación de Ourense (ou persoa, para o efecto, na que el delegue) e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia. Actuará de secretario o da Deputación ou persoa en quen delegue (con voz e sen voto). A composición do xurado darase a coñecer en data que se comunicará oportunamente e este emitirá o seu ditame no mes de outubro de 2012.

O premio poderá ser declarado deserto, no caso de que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable. A Deputación de Ourense resérvase todos os dereitos de edición sobre a obra premiada en todas as linguas do Estado, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros, e poderá publicar esta sen limitación do número de exemplares nin de edicións.

Os cinco mil primeiros exemplares vendidos estarán libres do pagamento de dereitos de autor. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada.

A Deputación de Ourense publicará a obra premiada, tanto o texto como as ilustracións, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense (bibliotecas, centros de ensinanza, asociacións e entidades culturais).

Unha vez fallado o premio de narración (en outubro de 2012) convocarase o premio Pura e Dora Vázquez de ilustración. As obras presentadas nesta modalidade tomarán como base o texto premiado na modalidade de narración.

Para máis información sobre as bases do premio:

BOP: https://bop.depourense.es/portal/

WEB: http://www.depourense.es

DÍPTICO: Descarga do documento