100 deportistas estrean o novo campo de fútbol de Cea, inaugurado hoxe
A construción destas instalacións de herba sintética é unha obra incluída no Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Ourense.
Cea, 30 de xuño de 2012.- Máis dun centenar de deportistas de todas as categorías, dende infantil ata veteranos, participou hoxe na inauguración do novo campo de fútbol do Lodairo, en San Cristovo de Cea, unhas instalacións de herba sintética incluídas no Plan Provincial de Infraestruturas Deportivas 2011, financiadas pola Deputación de Ourense con 240.000 euros e polo Concello de Cea, que aportou 60.000 euros.
No acto de inauguración o alcalde de Cea, José Luis Valladares, dixo que hoxe é un día de ledicia para o deporte de Cea e a súa comarca "porque se fai realidade algo polo que levamos traballando moitos anos: o feito de poder ter para os nosos nenos, xóvenes e veteranos unhas instalacións de calidade para a práctica do fútbol".
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, lembrou que o Clube Deportivo Cea "conta con máis de 75 anos de historia, sendo un dos máis antigos da nosa provincia, o cal da boa mostra da tradición futbolística que ten este concello, algo que hoxe podemos comprobar ao ver a gran cantidade de nenos, mozos e maiores que se vestiron de curto para estrear estas instalacións".
Tralo descubrimento da placa conmemorativa, o alcalde, o presidente da Deputación, o asesor de Deportes da Deputación, membros da corporación municipal, directivos da federación, deportistas, técnicos e afeizoados posaron no centro do campo para facer a "foto de familia" da inauguración. A tradición futbolística en Cea fai que na actualidade haxa perto de douscentos deportistas federados nas diferentes categorías, aos que hai que engadir o traballo de técnicos dos equipos e directivos.
As obras de construción do campo de fútbol de herba tiveron como obxectivo acadar unhas instalacións cómodas, seguras e de fácil acceso para todos os deportistas, con fin de posibilitar unha práctica deportiva de disfrute e lecer ao mesmo tempo. Para elo, as obras realizáronse cun estrito control de calidade, tanto no que atinxe á obra en si como ao material empregado e os equipamentos para o campo de fútbol.
En relación con este apoio decidido polas instalacións deportivas, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo que a institución provincial estará sempre ao carón dos deportistas, "porque unha sociedade vencellada ao deporte é unha sociedade con boa saúde, unha sociedade que comparte, que se esforza, que fixa as súas metas para acadalas con garantías e ilusión".
Baltar afirma que inculcar hábitos saudables aos nenos, xóvenes e maiores "é o mellor traballo que se pode facer, porque nada hai máis gratificante que ver aos nosos fillos disfrutando sanamente da vida, ao tempo que acadan valores que ao longo dos anos seranlle imprescindibles para ter unha convivencia harmónica na sociedade. Valores que o deporte ten coma sinal de identidade: esforzo, responsabilidade, compañeirismo e colaboración, que nos fan crecer intelectual, física e humanamente".