O Plan de Servizos Sociais da Deputación de Ourense contará cun investimento de 3 millóns de euros

Compartir

A iniciativa comprende un conxunto de actuacións en axuda no fogar, teleasistencia, emprego, formación, acción social e envellecemento activo, dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes (91 dos 92 municipios da provincia).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe, acompañado do deputado provincial de Servizos Sociais, Eladio Mangana, e do técnico José Juan Cerdeira, as liñas básicas do primeiro Plan Provincial de Servizos Sociais na historia da Deputación de Ourense. "BenOurense", como se denomina o plan, contempla un investimento de 3 millóns de euros que irán destinados a iniciativas de axuda no fogar, teleasistencia, emprego, formación, acción social e envellecemento activo, dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes, é dicir, 91 dos 92 municipios da provincia de Ourense, todos agás a capital ourensá.

Manuel Baltar destacou que este plan "supón un notable esforzo da Deputación provincial para atender a un dos piares fundamentais da nosa sociedade como é o dos servizos sociais, algo que o goberno provincial non vai deixar desatendido, e para o cal presentamos hoxe as liñas mestras dun plan que vai investir na mellora da atención nos servizos sociais que se prestan aos concellos da provincia de Ourense de menos de 20.000 habitantes".

Baltar dixo que o plan foi remitido a alcaldes, deputados provinciais e tamén está a disposición de todos os cidadáns na páxina web da Deputación de Ourense "porque queremos que a comisión de seguimento deste plan a formen todos os cidadáns da provincia de Ourense, e queremos que nos fagan chegar as súas propostas e suxestións para que as poidamos avaliar e incorporar, de selo caso, ao documento definitivo que se aprobará no pleno do mes de xullo, concretamente na sesión plenaria do vindeiro día 27". "Este é un plan de todos e para todos, porque os servizos sociais nos afectan a todos", remarcou o presidente provincial.

Nos diferentes apartados nos que dirixirá a súa acción o Plan "BenOurense" destaca o apartado de Emprego, ao que se vai destinar unha partida de 1.000.000 euros, seguido do programa de Teleasistencia Domiciliaria con 584.000 euros; o servizo de Axuda no Fogar, que recibirá 528.000 euros; un Plan de Formación, dotado con 338.000 euros; equipos técnicos municipais, con 321.800 euros; o programa de entidades de iniciativa local, ao que se destinan 140.000 euros; o equipo técnico provincial de servizos sociais, con 78.000 euros, e finalmente para accións enmarcadas dentro do Ano Europeo do Envellecemento Activo, para as que se destinan 10.000 euros.

A distribución dos fondos do Plan BenOurense farase con criterios matemáticos e de obxectividade, e en función do tamaño de cada concello e da área xeográfica na que se encontra, tal e como determina a lexislación.

O Plan de Servizos Sociais "BenOurense" responde ao compromiso e á responsabilidade institucional da Deputación de Ourense que considera que os servizos sociais son o sistema axeitado por excelencia para dar resposta ás necesidades sociais básicas dos cidadáns, para acadar altos índices de benestar social garantindo a igualdade de oportunidades no acceso a calidade de vida e a participación social da poboación.

A oportunidade derivada da publicación do Decreto 99/2012, de 16 de marzo polo que se prevé a participación da Deputación Provincial no eido dos servizos sociais para aqueles concellos de menos de 20.000 habitantes ofrece á Institución provincial a posibilidade de cooperar na planificación e coordinar a prestación destes servizos dunha forma integral: permite o dimensionamento dos recursos materiais e humanos existentes; a xeración de redes de traballo que incrementen a calidade dos servizos, e a atención á participación das entidades sociais no desenvolvemento de proxecto de ámbito social, xerando sinerxias de actuación e definindo un programa aberto que permita e a entrada da sociedade civil para o enriquecemento da prestación de servizos.

As catro áreas do plan

O plan estrutúrase e catro áreas: a primeira refírese a "Equipos profesionais de servizos sociais", no que se recolle a estrutura técnica básica dos servizos sociais, tanto para os que prestan servizos nos concellos/mancomunidades como o equipo técnico provincial. A segunda área é a de "Servizos Sociais no Fogar", un servizo básico para a mellora da autonomía das persoas e o favorecemento da calidade de vida da poboación. Neste caso, a Deputación de Ourense incrementa nun 50% a dotación orzamentaria que durante o ano 2011 destinou a este servizo na provincia de Ourense a Xunta de Galicia.

A terceira área refírese ao "Plan de emprego de servizos sociais", que da resposta en gran medida á necesidade de reforzar os recursos humanos que en cada concello prestan atención domiciliaria. Con elo quérese incrementar o número de unidades de convivencia atendidas para mellorar a prestación deste servizo. Nesta busca da calidade asistencial, o plan de formación diríxese cara á profesionalización das persoas que desexan dedicarse ao coidado das persoas.

Finalmente, a cuarta área engloba aos "Programas de iniciativa social", que atinxe ao espírito aberto e solidario do plan, dando entrada a sociedade civil para promover sinerxias de colaboración e cooperación que se traduzan en máis e mellores programas socias e permitan dar cobertura a grupos ou necesidades que non poden ser atendidos polos recursos básicos. Neste senso, a Deputación de Ourense desenvolverá unha liña de axudas dirixidas a entidades de ámbito social para que poidan concorrer con propostas no ámbito dos servizos sociais.