Presentación do IX curso universitario de Comunicación Audiovisual de Celanova
O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do curso de verán "Crise vs. creatividade: os nosos desafíos do audiovisual galego", que se impartirá en Celanova os días 18, 19 e 20 de xullo. O curso, convocado polo Concello de Celanova, a Fundación Carlos Casares, a Vicerreitoría do Campus de Ourense e Deputación de Ourense, está dirixido por Miguel Anxo Fernández e organizado pola Fundación Carlos Casares en colaboración co Concello de Celanova. Contará ademais cun obradoiro de audiovisual dirixido por Paulino Pérez Feijóo. O acto de presentación contou coa presenza do alcalde de Celanova, Antonio Mouriño; o xerente da Fundación Carlos Casares, Gustavo Garrido; a vicerreitora do Campus de Ourense, María Lameiras, e o coordinador do obradoiro audiovisual, Paulino Perez.
No curso abordaranse temas como os lindes entre a non-ficción e o documental en Galicia; ensaio e cinefilia; animación; e escribir e producir un Premio Goya, relatorios que se complementarán con proxeccións audiovisuais de longametraxes, curtas e documentais.