A Deputación de Ourense imparte un curso de actualización para condutores de vehículos de transporte de mercadorías e viaxeiros

Compartir

A Deputación de Ourense a través do seu Negociado de Formación está a impartir un curso de actualización e cualificación profesional para condutores de vehículos de transporte de mercadorías e viaxeiros, que se desenvolve entre os días 16 ao 31 de xullo, e que ten como obxectivo que os alumnos coñezan a regulamentación en materia de transporte de mercadorías e viaxeiros que rexen actualmente en todos os países da Unión Europea e que se foi modificando ó longo dos últimos anos.

Tamén actualizarán coñecementos os condutores sobre normas de tráfico e seguridade vial; iluminación e sinalización óptica; accidentes de tráfico; mantemento do vehículo, ademais de coñecer a importancia dunha boa aptitude física e mental á hora da toma de decisións para unha condución segura: temas nos que se incidirá na influencia do alcohol e as drogas durante a condución, o sono, a fatiga, o estrés e os medicamentos.

A Deputación de Ourense, no marco do Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas, deseñou para o ano 2012 un novo Programa provincial de formación continua, de carácter agrupado, destinado á realización de diversas accións formativas dirixidas ó persoal da Administración local. No citado plan de formación continua contemplouse un ano máis a Área de Formación Específica, e dentro dela figura o presente curso, no que participan uns corenta condutores. O seu perfil é de choferes e condutores de vehículos pesados de transporte de mercadorías con permisos de condución e que presten servizo na Deputación de Ourense ou nos concellos da provincia.

O temario do curso inclúe módulos de formación avanzada sobre condución baseada nas normas de seguridade, optimización do carburante, aspectos mecánicos, dispositivos de seguridade, o tacógrafo: uso e sancións, seguridade vial e medioambiental, loxística e risco na estrada e accidentes de traballo, e situación de emerxencia e primeiros auxilios.