A Deputación de Ourense presenta o código QR para a busca rápida de información turística a través do móbil
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, presentaron hoxe o código QR (quick response code), da web www.turismoourense.com, que permite a busca rápida de información turística da provincia de Ourense a través do móbil. Trátase dun código en formato dixital para dispositivos móbiles que contén a URL (dirección de Internet) da web de turismo de Ourense, que se captura a través do móbil, que automáticamente carga esa páxina e permite visualizala e navegar polos seus contidos, como se faría dende un ordenador.
O código QR de turismourense.com "pon na man dos visitantes, ao instante e dende calquera lugar, información sobre os concellos da provincia, recursos e produtos turísticos, gastronomía, eventos e riqueza monumental e paisaxística", explicou Manuel Baltar. Toda unha información á que se pode acceder con só pasar o móbil diante dunha especie de código de barras de última xeración.
Esta iniciativa forma parte do Plan OURENSE 92, presentado polo presidente provincial o pasado mes de xuño, no que atinxe a restruturación do Inorde, que contempla tamén o proxecto de Internacionalización de empresas que pon en marcha a Deputación de Ourense a través do Inorde co obxectivo de apoiar actuacións en materia de promoción da internacionalización das empresas pertencentes ao Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, Parque Tecnolóxico, e dos parques empresariais de Barreiros e Pereiro de Aguiar.
Manuel Baltar dixo que coa presentación do código QR aplicado ao turismo en Ourense "damos un paso máis no avance tecnolóxico, conseguimos unha importante redución de custes, coa diminución da edición de folletos en papel, e conseguimos chegar no momento a moitas máis persoas que poidan estar interesadas na nosa provincia".
Para o presidente provincial rematou o tempo de falar de "potencialidades turísticas" e agora temos que falar de "realidades turísticas", "e máis ca nunca as plataformas tecnolóxicas xogan un papel decisivo á hora de promocionar a nosa riqueza turística".
Pola súa banda, José Manuel Rodríguez explicou en detalle o sistema do código QR de Turismo Ourense, e anunciou que en breve o Inorde disporá en Internet dunha videoteca "con pequenos vídeos dos concellos de Ourense, para que os usuarios poidan coñecer en imaxes a nosa provincia". Tamén dixo que o Inorde "repartirá pola provincia uns 2.000 displays co código QR para que os visitantes poidan ter no seu móbil toda a información turística da provincia de Ourense".