O "III Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas" reúne en Cabeza de Manzaneda a máis de 600 gaiteiros e percusionistas
Máis de 600 gaiteiros, percusionistas e cantareiras daranse cita o vindeiro domingo, 29 de xullo, na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda no "III Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas – Memorial Gabino García", organizado polo Concello de Manzaneda e a estación de montaña e patrocinado pola Deputación de Ourense, e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
A presentación do certame tivo lugar hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, e contou coa presenza do vicepresidente da institución provincial, Rosendo Fernández; o director da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda de Gaitas, Xosé Lois Foxo, e do coordinador de Cultura do Concello de Manzaneda, Clemente Pérez.
Rosendo Fernández destacou que este festival é por riba de todo "didáctico e instrutivo, porque pretende potenciar a tradición de algo tan importante na nosa cultura como é a gaita, e este certame é toda unha referencia porque tamén rende homenaxe a un gran persoeiro e defensor das nosas tradicións como foi o tristemente desaparecido ex alcalde de Manzaneda Gabino García".
Pola súa banda, Xosé Lois Foxo agradeceu a todas as institucións e entidades que fan posible que un ano máis "poidamos enaltecer o noso instrumento musical máis senlleiro, e con el todo o que conleva de enriquecemento da nosa cultura". Foxo destacou que cada ano son miles as persoas que se achegan a Cabeza de Manzaneda para asistir a este festival, "que converte ao entorno da estación de montaña no referente do verán para o mundo da gaita e Galicia e en España".
Nesta edición participarán grupos de Portugal, Ourense, Zamora e León, e destaca a presenza tamén do grupo da Casa Galicia de Nova York. Previamente, o sábado 28 de xullo, celebrarase ás 23.00 horas na estación de montaña a denominada "Noite Celta", coa participación de Javier pena Louzao, Oscar Ibáñez, "Os alegres de Pontevedra" e a Real Xuvenil.