Apoio unánime de Ourense como Capitalidade Europea da Cultura 2020, por parte do Pleno da Deputación
O Pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe, coa unanimidade dos tres grupos políticos que integran a corporación provincial, unha declaración de apoio para que a cidade de Ourense sexa nomeada "Capital Europea da Cultura 2020".
Este apoio, refrendado por PP, PSOE e BNG, fundaméntase no feito de que en outubro de 2020 cumprirase o centenario da publicación en Ourense do primeiro número da revista Nós, publicación que foi o berce do movemento cultural e literario máis importante de Galicia e que permitiu que Ourense fose coñecida mundialmente pola súa riqueza intelectual. Neste senso, a Deputación de Ourense quere apoiar e impulsar as iniciativas institucionais e sociais que se están a levar a cabo para acadar o obxectivo da Capitalidade Europea da Cultura 2020 para Ourense, e para elo comprométese a formar parte da organización da candidatura, unha candidatura que xira ao redor do ideal político, ético, científico, humanístico, artístico e literario de Nós, para contribuír a prestixiar a cultura ourensá e galega, difundir o seu legado e seguir potenciándoa por todo o mundo.