A Deputación de Ourense patrocina o V Torneo Futures de Tenis, que trae a Ourense ás promesas tenísticas de elite

Compartir

Hoxe presentouse o V Torneo Futures "Cidade de Ourense", patrocinado pola Deputación de Ourense, que reunirá entre os días 18 e 26 de agosto no Clube Santo Domingo de Tenis (Pereiro de Aguiar) ás mellores promesas tenísticas que aspiran a estar na elite mundial deste deporte.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo que este torne é unha destacada cita deportiva pola que xa teñen pasado, nas súas idades máis novas, tenistas como Rafa Nadal, Andy Murray e Nicolás Almagro, e que reúne todas as características dun evento que merece ser apoiado "por ser un deporte no que o esforzo, o sacrificio e o afán de superación, son valores que temos que seguir inculcando aos nenos e á nosa mocidade".

Acompañaron a Baltar na presentación o director do torneo, Javier de la Torre; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Fernando Varela, e o vicepresidente económico da Federación Galega de Tenis, Xosé Mosquera.

Neste edición participan tenistas que proveñen de 18 países (algúns tan afastados coma o Xapón, a India ou Nova Zelanda) e de 4 continentes. Tras sete anos de ausencia, as promesas que aspiran a tenistas de elite mundial volven á nosa provincia, esta vez ás instalacións do Club Santo Domingo, en Pereiro de Aguiar, entidade á que Manuel Baltar agradece o seu esforzo para poder albergar esta magnífica competición.

Na derradeira semana de agosto, xogarán sobre as pistas de A Derrasa algúns dos mellores proxectos de estrelas do panorama tenístico mundial. Considerando os precedentes das tres primeiras edicións deste torneo (2002-2004), nas que participaron con grandes resultados o murciano Nicolás Almagro e o escocés Andy Murray (ambos actualmente entre as 10 mellores raquetas do mundo), esta edición sen dúbida promete darnos a coñecer algún novo valor para o tenis mundial.