Baltar defende o asociacionismo como "unha plataforma ideal de impulso económico nestes tempos de crise"

Compartir

  • O presidente da Deputación de Ourense analizou con Alejandro Rubín, presidente da Asociación Galega de Ferias, vías de colaboración por medio do ente provincial ou do Inorde.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entrevistouse no Pazo Provincial co presidente da Asociación Galega de Ferias e Eventos (Agafe), Alejandro Rubín, con que analizou vías de colaboración institucional, que se levarían a cabo ben directamente coa Deputación ou ben por medio do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), para potenciar e dinamizar a actividade económica.

Baltar defende o asociacionismo como "unha plataforma ideal de impulso económico" nun momento, dixo, "durísimo para as familias, empresas, autónomos e organizacións". O presidente provincial destacou que a defensa colexiada de intereses "é hoxe en día un camiño inescusable para calquera iniciativa que se queira acometer neste mundo altamente tecnificado e globalizado".

Alejandro Rubín presentoulle a Manuel Baltar as novas liñas de actuación de Agafe, que conta con máis de 40 socios de distintos sectores nas catro provincias galegas, que representan a máis de 16.000 autónomos e empresas.

Agafe ten como finalidade contribuír ao desenvolvemento das actividades feriais en Galicia, potenciando o desenvolvemento de intercambios comerciais por medio da organización de exposicións, feiras e eventos de carácter sectorial como monográfico.

Asemade, Agafe aposta pola creación dunha rede que poña en valor o alto potencial que ten o sector da organización de eventos para o desenvolvemento de Galicia, coa colaboración dos recintos feriais, palacios de congresos e similares existentes na nosa comunidade, ademais da cooperación con entes como a Asociación de Ferias Españolas (AFE), e, dentro do ámbito da Eurorrexión, a cooperación transfronteiriza coa Asociación Portuguesa de Ferias e Congresos.