A Deputación de Ourense presta asistencia técnica aos concellos para o control de vertedoiros

Compartir

O acordo permite levar a cabo un plan de vixiancia de residuos sólidos con analíticas de lixiviados e emisións á atmosfera.

A Deputación de Ourense presta asistencia técnica aos concellos da provincia para mellorar o control dos vertedoiros de residuos sólidos urbanos, levando a cabo un plan de vixiancia e control con analíticas de lixiviados e emisións á atmosfera. O obxectivo e seguir mellorando a protección do medio ambiente e dos entornos naturais da provincia de Ourense, así como xestionar de maneira sostible todos os residuos sólidos urbanos que se xeran nos municipios da provincia.

Dende o pasado mes de xuño que se puxo en marcha esta asistencia técnica son xa nove os concellos que se inscribiron para recibir este servizo: Avión, Bande, Castrelo do Val, O Irixo, Leiro, Lobeira, Muíños, Viana do Bolo e Xinzo de Limia.

Os concellos adhírense a este convenio de colaboración a través da Aquaourense (Sociedade Provincial de Augas e Medio Ambiente), na súa condición de concesionaria do servizo provincial de asistencia e cooperación coas entidades locais en materia de servizos relacionados co ciclo hidráulico e o medio ambiente.

Este convenio ofrece a posibilidade de realizar nos concellos a asistencia técnica para o cumprimento do plan de vixiancia e control de vertedoiros de residuos sólidos urbanos, conforme ao estipulado pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia. Por medio deste acordo, a Deputación de Ourense encárgase de realizar analíticas de lixiviados e emisións á atmosfera, inspeccións periódicas e un informe final xustificativo no que se recolle: unha reportaxe fotográfica do estado do vertedoiro, un plano de situación, as mostras de control, os resultados das analíticas, as medicións do biogás e calquera incidencia relacionada coa situación do vertedoiro.

Esta nova liña de cooperación entre Deputación de Ourense e concellos remarca a importancia que para a institución provincial ten a defensa e a protección do medio ambiente, poñendo a disposición dos municipios da provincia un instrumento que permita controlar o estado dos vertedoiro e xestionar de maneira eficiente e sostible os residuos sólidos urbanos.

A área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense é estratéxica dentro do goberno provincial que preside Manuel Baltar, quen afirma que a "sensibilización e o compromiso medioambiental son algo irrenunciable, e todos, institucións e cidadáns, temos que traballar na mesma dirección porque o futuro do noso medio natural depende de como o xestionemos agora, é o mellor legado que lle podemos deixar ás xeracións vindeiras é un medio ambiente limpo, sostible e saudable".