A Deputación de Ourense reduciu un 70% o seu persoal laboral temporal

Compartir

Baltar afirma que este adelgazamento da administración provincial  "ten como obxectivo acadar unha función pública máis especializada e eficiente". 


  • Deputación de Ourense e a EGAP asinaron hoxe un convenio para realizar conxuntamente actividades de formación, divulgación e investigación.

A Deputación de Ourense reduciu un 70% o seu persoal laboral temporal nos 218 días que Manuel Baltar leva como presidente da institución provincial. Nestes sete meses, das 149 persoas que en febreiro figuraban na nómina de traballadores laborais temporais na actualidade hai 47, o que responde, en opinión do presidente provincial "ao obxectivo que nos marcamos de acadar unha función pública máis especializada e eficiente, o que redundará nun mellor servizo aos cidadáns e aos concellos da provincia de Ourense".

Baltar fixo estas declaracións no acto de sinatura do convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Escola Galega de Administración Pública, que contou coa presenza da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos. O acordo ten como finalidade colaborar conxuntamente na realización de actividades de formación, divulgación e investigación.

Manuel Baltar explicou que "o adelgazamento da administración provincial permitiranos amosar un escenario laboral máis especializado, o que se reflectirá asemade na RPT do ano 2013, e para o cal se redistribuirán postos de traballo na busca dunha maior eficacia, eficiencia e dun maior aforro". Desta maneira, o presidente provincial cumpre o que xa anunciara no seu discurso de investidura como presidente da Deputación e que tamén figura no Plan de Xestión e Estratexia Operativa OURENSE 92, que está a levar a cabo a institución provincial no período 2012-2015.

Baltar destacou que todos os esforzos por mellorar a xestión pública "deben orientarse a prestar un mellor servizos aos cidadáns, ese é o horizonte inexcusable", e engadiu que nesta liña vai tamén o convenio de colaboración asinado hoxe coa EGAP, "que permitirá mellorar a formación dos funcionarios públicos da Deputación e dos que traballan los 92 concellos da provincia, actualizando e incrementando os seus coñecementos con actividades formativas, seminarios, xornadas e proxectos de investigación".

Pola súa banda, Sonia Rodríguez-Campos agradeceu "a sensiblidade" de Manuel Baltar e a súa posta por mellorar a función pública, e lembrou que a EGAP da servizo a máis de 50.000 empregados públicos en Galicia. Rodríguez-Campos destacou a importancia da formación afirmando que "é un dos piares nos que se fundamenta a saída da crise".

O convenio asinado hoxe abrangue 11 actividades formativas con 520 horas lectivas e abordará catro áreas de actuación: Informática e novas tecnoloxías, Xurídica e procedimental, Económica e orzamentaria e Organización e recursos humanos. Dentro de cada unha delas desenvolveranse actividades formativas como cursos, xornadas, seminarios e outras actividades de divulgación; edición de libros, publicacións e documentos de traballo, e promoveranse actividades  investigadoras no ámbito que atinxe á formación e á función pública.