O presidente de CD Ourense preséntalle a Manuel Baltar o proxecto económico e deportivo do club

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao presidente de CD Ourense, Alejandro Estévez, para coñecer en detalle o proxecto económico e deportivo do club nesta nova andaina que ven de comezar a directiva na tempada 2012-2013.

Alejandro Estévez explicoulle ao presidente provincial os puntos fundamentais nos que centrará a súa xestión, como son a apertura de CD Ourense á sociedade, para acadar unha maior identificación e achegamento á cidadanía; tentar a máxima profesionalización do club; desenvolver unha xestión de transparencia total, e demandar o apoio institucional, empresarial e social que permita facer viable este ilusionante proxecto deportivo.

Manuel Baltar agradeceu a visita e animou a Alejandro Estévez a traballar con rigor e eficiencia "porque os éxitos de CD Ourense serán tamén éxitos da sociedade ourensá". "O deporte –engadiu Baltar- é o gran referente dos mellores valores que representan ao ser humano, e hoxe, como sempre fixo a Deputación de Ourense, temos que seguir promocionando entre a nosa infancia e mocidade eses valores de sacrificio, responsabilidade, traballo e solidariedade que tan ben representa a práctica deportiva".