Manuel Baltar recibe ao presidente do Club Ourense Baloncesto

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo hoxe unha reunión no Pazo Provincial co presidente do Club Ourense Baloncesto (COB), Roberto Fernández Añel, a quen acompañaron membros do consello de administración e directivos do clube. Na xuntanza abordaron temas referidos á xestión económica e deportiva do COB que se plantexa no novo escenario trala exitosa campaña da tempada pasada na que o club acadou o ascenso á categoría da LEB Ouro.

Manuel Baltar defendeu "como un valor moi positivo" o feito de facer unha "política deportiva de canteira", ao que o presidente provincial amosou o apoio da institución "porque a Deputación de Ourense defenderá sempre o deporte de base porque é o verdadeiro e máis importante investimento que unha sociedade pode facer coa nosa mocidade para fomentar unha vida saudable".

Baltar cualificou ao COB como "un excelente embaixador deportivo da nosa provincia" e dixo que a Deputación síntese leda de que o club utilice as instalación propias da institución provincial como é o Pavillón dos Deportes "Paco Paz" para desenvolver a súa actividade deportiva.

O presidente provincial felicitou a Fernández Añel e aos directivos do COB "pola gran labor, non só deportiva senón tamén social que fan fomentando o deporte, e sendo un polo de atracción da sociedade ourensá, que tempada tras tempada vai incrementando a súa presenza nos partidos e acode en gran número a presenciar os partidos do noso benquerido COB".