Presentación do Programa Provincial de Formación da Deputación de Ourense
Impartiranse 42 accións formativas nas áreas de Novas Tecnoloxías, Xurídica, Económica, Medio Ambiente, Riscos laborais, UE, Organización e RRHH e Normalización Lingüística.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o xefe do Negociado de Formación, Carlos Castiñeiras, presentaron hoxe o Programa Provincial de Formación Continua da institución provincial, integrado por 42 accións formativas, entre cursos e xornadas, que abranguen un total de 1.244 horas lectivas.
Manuel Baltar dixo que o obxectivo que se persegue coa formación dos empregados públicos da provincia de Ourense "é seguir mellorando a formación, cualificación e especialización dos empregados públicos para que presten un mellor servizos aos cidadáns, e á vez, por parte da Deputación seguir na liña de cooperación cos 92 concellos da provincia para facer entre todos unha administración máis áxil e achegada aos cidadáns".
As áreas que abrangue o programa de formación da Deputación de Ourense son: Novas Tecnoloxías, Xurídica, Económica, Medio Ambiente, Prevención de Riscos laborais, Unión Europea, Organización e RRHH e Normalización Lingüística.
Manuel Baltar anunciou que nesta liña de "apostar pola formación e o coñecemento" a Deputación de Ourense creará o Centro de Estudos Locais, en colaboración coas outras deputacións de Galicia, que servirá para debater sobre os asuntos de máis interese para os cidadáns e que atinxen ao ámbito local. Baltar destacou que a Deputación de Ourense "é unha das que máis aposta pola formación na función pública", e sinalou os acordos de colaboración que mantén a institución provincial coa Fegamp, a Escola Galega de Administración Pública, o Instituto Nacional de Administración Pública, a Universidade de Vigo e a Academia Xeral de Seguridade, coa que proxímamente asinará un convenio de colaboración.
No programa provincial de formación inclúense as actividades formativas que se van a executar ata o 31 de decembro de 2012 con cargo á subvención do INAP e tamén grazas á colaboración doutras entidades da Xunta de Galicia como as citadas Escola Galega de Administración Pública, a Fegamp, a Academia Galega de Seguridade Pública e a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Universidade de Vigo.