Baltar e o novo alcalde de Celanova analizan na súa primeira reunión temas de infraestruturas, turismo, economía e cultura
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo hoxe a súa primeira reunión no Pazo Provincial co novo alcalde de Celanova, José Luis Ferro. Baltar e Ferro analizaron na xuntanza temas referidos a infraestruturas viarias e de medio ambiente da comarca de Celanova, así como o desenvolvemento de proxectos económicos e empresariais, culturais e o novo escenario no que atinxe aos servizos sociais coas iniciativas que está a poñer en marcha a Deputación de Ourense neste ámbito dentro do Plan de estratexia operativa OURENSE 92.
Tamén abordaron materias no eido da dinamización turística, referente sinalado de Celanova e a súa contorna, dada a riqueza monumental, etnográfica e paisaxística desta comarca. Neste senso, Baltar informoulle a Ferro do novo proxecto que ven de poñer en marcha a Deputación de Ourense, a través do Inorde, relacionado con estratexias de colaboración cos concellos da provincia para a dinamización turística das comarcas dento do ámbito dos denominados "Xeodestinos", unha nova demarcación xeográfica que permitirá potenciar o sector turístico da provincia de Ourense, e que na contorna de Celanova ese xeodestino pasa a abranguer unha ampla zona denominada "Celanova-Limia".
Na axenda do encontro Baltar e Ferro tamén analizaron as estratexias de colaboración para a dinamización de empresas na comarca de Celanova, un proxecto que tamén leva a cabo o Inorde co obxectivo de incrementar a competitividade e internacionalización das empresas da provincia de Ourense.
Manuel Baltar desexoulle ao novo rexedor local celanovés "os mellores éxitos na súa xestión ao fronte da corporación local, porque eses éxitos serán tamén os dos cidadáns da vila de San Rosendo".