O Plan OURENSE 92 pon en marcha dúas novas medidas: o Observatorio Económico e a Estratexia de dinamización turística e empresarial
Baltar afirma que o obxectivo é favorecer a competitividade e seguir mellorando nos servizos e na cooperación cos concellos da provincia.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e o deputado da área de Plans Estratéxicos, Antonio Montero, presentaron hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense dúas novas medidas integradas no Plan de Estratexia Operativa OURENSE 92 "que permitirán facer unha diagnose da situación socio-económica das comarcas e municipios e potenciar o turismo e a competitividade empresarial", explicou o presidente provincial.
Trátase, por unha banda, do Observatorio Económico Ourensán, unha ferramenta de traballo para analizar a realidade económica e social da provincia de Ourense, que ten como finalidade ser un servizo a disposición dos concellos, organismos e entidades públicas e privadas da nosa provincia para poder entender mellor a información de tipo socio-laboral de Ourense nos ámbitos do mercado laboral, o sistema produtivo, a especialización sectorial e as potencialidades de cada zona. O observatorio dará a coñecer comparativas temporais e tendencias de evolución cada seis meses. Os primeiros resultados coñeceranse no vindeiro mes de novembro, nun acto no que estarán convidados axentes sociais, económicos, sindicais e institucionais da provincia de Ourense.
Unha vez avaliados os datos as conclusións que emita o Observatorio Económico Ourensán permitirán coñecer o peso de cada municipio e comarca sobre o tecido produtivo da provincia de Ourense, e unha diagnose de cada comarca en canto á súa progresión económica e social. Tamén será posible comparar a situación de cada comarca con respecto a Galicia e España, e deseñar políticas específicas para cada comarca, ademais de xerar material de divulgación no que os medios de comunicación atoparán datos para apoiar as noticias comarcais.
Trátase do primeiro Observatorio Económico territorializado, que terá un nivel de análise aínda máis detallado que o das grandes urbes, ao focalizar a súa información en municipios e comarcas.
A outra das accións que se presentou hoxe no marco do Plan OURENSE 92 son as Estratexias de colaboración cos concellos para a dinamización turística e empresarial. Esta medida ten como obxectivo potenciar a competitividade e a internacionalización das empresas, cunha serie de accións que se levarán a cabo cos concellos e outras administracións públicas, ademais de organizacións empresariais e colexios profesionais.
As medidas que se inclúen neste apartado están relacionadas con aspectos de promoción e dinamización empresarial nas diferentes comarcas e apoio a iniciativas de fomento de empredemento, así como ao desenvolvemento e posta no mercado de novos produtos endóxenos no sector da alimentación en cada comarca.
Tamén contempla esta medida apoio aos sectores estratéxicos do termalismo, a pizarra e o viño, e a levar a cabo unha labor de complementariedade con outras administracións e organismos, poñendo á disposición de empresarios e emprededores instrumentos de financiamento e promoción que ofrecen organismos como a Xunta de Galicia, o Igape, Xes Galicia, a CEO, o INEGA, a Cámara de Comercio, a Fundación para o Fomento da Calidade industrial e mesmo o Goberno do Estado.
Esta acción complétase cun proxecto para a dinamización turística das comarcas da provincia de Ourense dentro do ámbito dos denominados "Xeodestinos", unha nova demarcación xeográfica que permitirá potenciar o sector turístico da provincia coas novas denominacións territoriais turísticas como son: Ribeira Sacra, O Ribeiro, Terras de Ourense-Allariz, Celanova-Limia, Verín-Viana e Manzaneda-Trevinca.