Representantes de 20 universidades debaterán no Carballiño sobre formación e competitividade no sector turístico

Compartir

O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes; o presidente de Redintur, Antonio Guevara, e o director do posgrado en Turismo da Universidade de Vigo, José Antonio Fraiz, presentaron hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" de Ourense o "Forum Redintur 2012", a reunión anual da rede que agrupa unha vintena de universidades españolas que imparten programas de posgrado nos diferentes ámbitos do turismo, e que se celebrará na vila do Carballiño os días 20 e 21 de novembro.

A celebración desta importante reunión académica coincide coa celebración no Carballiño do XVII Congreso Internacional de Turismo da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo (AECIT), que terá lugar entre os días 21 e 23 de novembro, un evento organizado pola Deputación de Ourense, AECIT e o Concello do Carballiño, que ten como obxectivo analizar as novas ideas para potenciar o sector turístico.

Este evento reunirá no Carballiño aos principais investigadores e axentes do sector turístico nacional e internacional. Esta cita co mundo investigador e empresarial do turismo, no que colabora igualmente a Facultade de Turismo de Ourense, analizará os novos formatos, ideas e proxectos que permitan ofertar propostas de calidade diferenciadas para poder innovar neste sector estratéxico da economía.